jueves 19.09.2019
tito pérez Escritor

“É un libro sobre as eivas que pode ter a mocidade”

Escolleu a especialidade de enxeñería técnica industrial, pero, en realidade, na súa cabeza barruntaba que non tiña máis vocación ca literaria nun mundo no que empezou a verter relatos desde hai tempo,

O volume vai ata valores perdidos	quintana
O volume vai ata valores perdidos quintana

Escolleu a especialidade de enxeñería técnica industrial, pero, en realidade, na súa cabeza barruntaba que non tiña máis vocación ca literaria nun mundo no que empezou a verter relatos desde hai tempo, contos que foron laureados pola crítica e que foi xuntando e presentando aquí e acolá. En 2010 decidiu reunir distintas pezas. Unilas por un mesmo fío conductor, a mocidade, que hoxe vén de presentar.
O coruñés Tito Pérez estivo a semana pasada na librería Sisargas con “Vinte fragmentos de mocidade voraz”, o primeiro volume de moitos e moitas porque a intención é darlle forma a unha novela. Vestir o seu talento de largo. Desta primeira entrega, o autor fala de que “son historias reais cun trasfondo social”. Non se trata de remover a crise económica actual. Pérez vai ata os valores que tamén están en horas baixas. Destila o ético e o moral e en vez de mirar para o outro lado como adoita a facer a sociedade, coloca o que está debaixo da alfombra en primeiro plano: “É un libro sobre as eivas que pode ter a mocidade”.
Criado en Monte Alto, Tito saca anécdotas que escoitou na Coruña e en Santa Marta de Picato (Guntín). Algúns tamén teñen tintes autobiográficos, comenta, e outros respiran de cousas “que nos poden parecer normais, pero que non terían que pasar”. Ventila situacións concretas como a “dun rapaz que vai de putas, todo o mundo sabe que isto sucede e hai de quen pensa que ata é gracioso”. Tamén toca o tema do deporte, quizais porque na súa casa, o seu pai foi un profesional da pértega, “dun rapaz que en vez de entrenar, vaise de festa”. E dos oito que sumou entre 2010 e 2011, chegou aos 20 en 2015.
Cumprirá 33 anos o domingo, pero ten toda a vida por diante para sacarlle punta ás letras. Aválanlle premios como o noveno certame de narrativa Rosa Reboredo e o décimo de relatos cortos da Sociedade Liceo de Noia. Ademais, conseguiu mencións nos concursos Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, Terras de Chamoso, Xuventude Crea, Rosa de Cen Follas e Manuel María de Poesía. Tamén ten publicado en varios números da revista “Ateneo do Ateneo Ferrolán” e participado en obras colectivas como “Versus cinauro, poemas contra a mina de ouro de Crocoesto”.
“Vinte fragmentos de mocidade voraz” non é un manual de autoaxuda. Tampouco reparte optimismo. Desde a primeira páxina, apunta, un vai meténdose de xeito minucioso na forma de facer con 20 puntos finais, que levan á reflexión sobre o que se prefire esquecer e que “nos torna mediocres”.

Comentarios