A única noite na que ofrecen ruído

El Ideal Gallego-2011-05-10-012-d5a5f692

  Reportaxe de m.g.m.

día internacional dos museos “baixo as estrelas”

As galerías e casas museo da cidade celebran este sábado o Día Internacional dos Museos co programa “Baixo as estrelas”, que atende á importancia de recuperar a memoria dos que hoxe teñen acubillo nestes centros. É así como un grupo multidisciplinar de profesionais da danza, do mimo, da performance, do teatro e o cabaré crearán un espazo imaxinario en branco no medio da cidade para enchelo de contidos conforme avance a xornada. Artistas como Bea Bravo, Cristina Casas, Fabiana Gastaldello ou Greta Mari pasearán a súa impronta polos xardíns de Méndez Núñez, ás seis, para seguir ás sete na praza de Pontevedra e levar, ás oito, a creación ata a casa museo Pardo Bazán.
Nélson Quinteiro será o encargado de coordinar unha actividade que rematará na casa de María Pita e na Casares Quiroga. Nesa intención de rescatar o pasado, as mesmas casas museo farán revivir as súas pantasmas e a heroína da bataia de A Coruña rebobinará a súa persecución cos ingleses, ás seis, mentres que Pardo Bazán voltará para tomar café na rúa Tabernas. Ela convidará ao público a participar nun obradoiro de chapas e ver unha peza audiovisual e acabar por bailar Tammorriata, unha danza do sur de Italia. A nai de Picasso, María, resucitará, ás seis da tarde, e contará na casa na que o pequeno trazou as primeiras pombas co lapis todo o acontecido nese piso de Payo Gómez.
Ademais, as tres personaxes acudirán á invitación de Casares Quiroga e os catro compartirán as súas vivencias no que será o primeiro encontro de personaxes históricos. Haberá tamén música , ás sete, diante do Kiosco co grupo de jazz da Escola Municipal de Música e Melanie Marañón e Amaia Garrido tocarán o violoncello, no xardín da casa Casares Quiroga, ás once da noite.
O teatro participará da festa a modo de fragmentos de pezas como “A noite vai como un río”, de Álvaro Cunqueiro, que se poderá ver na Casares Quiroga, ás nove da noite, e Marta Iglesias presentará un número de clown, na de Pardo Bazán, ás sete. En canto ao cine, os espectadores visionarán un trozo de onte coa peza “La Coruña, la ciudad en la que nadie es forastero”, de Ramón Sáiz, ademais da danza, que estará presente no Kiosco e na Pardo Bazán. Virá da man do Centro Coreográfico Galego, Lía Pichel e Cía Ciacisma Danza, con Isabel Sánchez e Fiona B. McCuden. O Concello organiza visitas guiadas polas distintas mostras expostas nas salas municipais, xunto a un percorrido polas tripas do pazo e o Rosalía.
Pola súa parte, a Fundación Barrié será a máis trasnoitadora e fará un resume de todo canto artista pasou pola súa sede. Preto dela, a Fundación Caixa Galicia prepara obradoiros para rapaces e a Seoane achegará aos pequenos a figura dun xenio como o que lle dá nome ao centro. Se en Belas Artes soará jazz, no Macuf haberá unha actividade titulada “Académicos sen barba” para pasar ás galerías, que cada vez son máis, e desfrutar da arte en directo con Óscar Cabana, en 981 Style, e Emilio Celeiro en A botica das artes, no que os asistentes sairán de alí cun cacharro de cerámica. A Alen Klass confeccionará un mural entre todo o público que se pase e Ana Vilaseco programará un taller para nenos.
Ademais, a celebración proseguirá o domingo co certame de pintura na Cidade Vella, organizado por Arga e a asociación de veciños do casco vello. Nunha fin de semana no que non se cobrará entrada na Torre e nos Cientifícos a partir das seis.


 

A única noite na que ofrecen ruído

Te puede interesar