Henrique del Río | “Antolín Faraldo é sen dúbida o betanceiro que máis marca a historia de Galicia”

Acaban de cumprirse 179 anos da Revolución Galega de 1846
Henrique del Río | “Antolín Faraldo é sen dúbida o betanceiro que máis marca  a historia de Galicia”
O exedil nacionalista Henrique del Río investiga sobre a figura de Antolín Faraldo | Patricia G. Fraga

Coincidindo co aniversario da Revolución Galega de 1846, a cidadanía das Mariñas somérxese na atmósfera de Solís ou Faraldo para aclarar o acontecido tras o alzamento social e militar contra o ríxido centralismo exercido por Narváez desde Madrid e para manter viva a memoria dunha revolta que puido cambiar o curso da historia de Galicia.


Henrique del Río Otero leva anos investigando a figura de Antolín Faraldo Asorey, un dos mentores do movemento provincialista, “o primeiro e o mellor dos precursores” do Rexurdimento. Un home clave que, transcorridos case dous séculos de aquel abril, segue a ser un auténtico ‘descoñecido’, mesmo na súa cidade natal, onde seguen sen cumprir os acordos aprobados hai máis de vinte anos para atopar os seus restos en Granada e trasladalos a Galicia. “Ti non podes querer algo que non coñeces, e Betanzos non coñece a Faraldo”, di Del Río.

 

Ti non podes querer algo que non coñeces, e Betanzos 
non coñece a Faraldo


Un dos aspectos que investiga  é o da morte en Granada. Por que Andalucía? Un home que durante anos empregou o pseudónimo ‘Abenhumeya’. “É unha especulación pero os datos están aí e Faraldo morre, según o rexistro, ao pé da Alhambra, onde Aben Humeya desenvolve a súa revolución contra o centralismo uniformista da coroa castelá en 1563”. 


“Para min –engade– non é inocente escoller este pseudómino”, explica del Río. 


O investigador brigantino considera necesario contar a historia de Faraldo como de verdade aconteceu e no seu contexto. “A nosa historia é a historia do mundo”, continúa antes de incidir en que “a revolución galega de 1846 dáse nun contexto, en vésperas da Primavera dos Pobos, nos anos do Romanticismo”.


Sobre as cidades que se pronuncian, Del Río analiza ao detalle o caso de Betanzos. “É, cando menos, curioso... O Concello marcha e non pasa nada máis. Por que non pasa nada máis? As autoridades civís saen e non ocorre nada? Para min, é claro: Hai máis do que se conta”, aclara o exedil nacionalista, que tamén apunta ao caso de Compostela, onde a resposta á revolta é “exemplarizante”, e incluso máis tarde tratan por distintos medios de “desprestixiala” e “ridiculizala” pero “iso ten que cambiar neste XXI”. Aínda que con anos de atraso, tendo en conta que, no caso de Faraldo, os 200 anos do seu nacemento cumpríronse en 2022.


Betanzos ten unha débeda con Antolín Faraldo Asorey. Co betanceiro que “máis marcou a historia do país”, figura clave do xornalismo e a política galega, incansable teórico e exemplo maiúsculo da posta en práctica dos ideais progresistas do movemento como alma da Revolución de 1846. “A Antolín Faraldo debémoslle o réxime autonómico”, asegura Del Río. Na súa opinión,  a súa trascendencia vai máis aló da propia cidade e a súa historia, porque é determinante para a  historia de Galicia. Como secretario daquela Xunta Superior Provisional de Goberno de Galiza, voceiro e director do seu xornal: ‘La Revolución’. O pai intelectual do pronunciamento de Solís. 
 


A el debémoslle o réxime autonómico; el foi a pluma dos ultimos douscentos anos do reino do que Betanzos foi capital


O investigador sostén que Betanzos, que alardea de ser capital do reino, esquece que “a pluma dos últimos douscentos anos dese reino é a pluma de Faraldo”. Despois contárono outros, “pero a pluma é del”, como del son as arelas dunha rede de comunicación interior e exterior no século XIX. “Porque hoxe falamos de trens de alta velocidade, pero el falaba de camiños, de construír Galicia”.


Del Río traballa nun artigo que conta con publicar no Anuario Brigantino co que tratará de facer xustiza con Faraldo. “É unha vida que merece ser contada, unha historia de superprodución, moi complexa”, á que se une a trascendencia da obra, “a enorme potencia” de todos os seus artigos que, para a época, eran toda unha revolución, impensables e extraordinarios para un rapaz de 19 ou 20 anos, fillo dun activo defensor do absolutismo, o escribán Feliciano Vicente Faraldo.

 

É unha vida que merece ser contada, unha historia 
de superprodución, moi complexa

Henrique del Río | “Antolín Faraldo é sen dúbida o betanceiro que máis marca a historia de Galicia”

Te puede interesar