A ‘Diana Cazadora’ colga o cartel de completo ata o mes de setembro despois de “esgotar todas as prazas dispoñibles na embarcación municipal para os roteiros de agosto”, avisa a Oficina de Turismo.
Cada verán, desde xullo, o Concello de Betanzos ofrece a oportunidade de coñecer o río Mandeo, a historia dos Caneiros e os espazos naturais incluídos na Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas.
Desde A Tolerancia, no casco urbano, ata Armea, en Coirós, onde se sitúan os terreos municipais nos que se desenvolven as romarías fluviais, no marco das celebracións de San Roque.
Con todo, haberá seis saídas en setembro, das que só a do martes 9 –ao día seguinte da Romaría de Nosa Señora do Camiño– ás 16.00 horas, está completa, polo que aínda se poden solicitar para o 2 e o 4 ás 11.00 horas, para o 11 ás 16.00 e para o 16 e o 18 de novo ás 11.00.
Os interesados en asistir a calquera das viaxes polo Mandeo deben dirixirse ao número 981 77 66 66; mediante mensaxe de WhatsApp ao 638 54 31 69 ou correo electrónico a turismo@betanzos.gal.
A embarcación municipal ‘Diana Cazadora’, que tamén irá a Os Caneiros coincidindo coas xiras, ten unha capacidade máxima de 55 viaxeiros e para saír do embarcadoiro é necesario reunir un mínimo de 10.