Reportaxe | Arteixo, fonte inesgotable de historias

Reportaxe | Arteixo, fonte inesgotable de historias
O escritor Xabier Maceiras, na rúa peatonal de Arteixo | Mónica Arcay

No 2024 fará dez anos desde que Xabier Maceiras puxo en marcha o blog Crónicas de Arteixo –que xa superou con moito o medio millón de visitas– e agora lanza o terceiro ‘fillo’ deste proxecto: ‘Crónicas de Arteixo III’, un novo volume que recolle parte das historias que cada semana publica nesta plataforma e que constitúen a memoria do municipio.


Maceiras recupera de novo as lendas, feitos e anécdotas do Arteixo esquecido, “o de antes do polígono de Sabón e de Inditex”. Ata o momento escribiu 573 entradas en internet pero o material non se esgota nunca e, tras tantos anos como ‘cronista oficial’ –o PSOE levou ao pleno unha iniciativa para nomealo formalmente–, as historias “veñen soas” e hai moitos veciños que o chaman para falar ou ensinarlle fotos.

 


Lendas, sucesos e tradicións 
 

Con prólogo de Henrique Rabuñal, o libro conta con 50 capítulos dedicados a outras tantas temáticas, entre as que se atopan as lendas de Santaia de Chamín, o pazo de Galán, o accidente do autobús Martínez en Barrañán no 62 ou a esfolla popular de Lañas –que a asociación Fontesvellas recuperou hai anos–. 


Para Maceiras, escoitar aos veciños é “unha forma de vida”. “Levo facéndoo desde que era un rapaz”, indica, e asegura que nos seus libros trata de dar protagonismo por igual ás 13 parroquias arteixás, “aínda que hai algunhas pequerrechas das que xa non queda moito do que tirar”.


“Moita da xente maior coa que falei agora xa non está e é unha mágoa. Poño un gran de area para que a súa memoria non quede no esquecemento”, comenta o autor Xabier Maceiras.

Reportaxe | Arteixo, fonte inesgotable de historias

Te puede interesar