A ‘Muiñeira dos freires’, protagonista do XXXVII Día da Muiñeira de Arteixo que organiza Xiradela

Un total de 28 grupos de baile pertencentes 9 agrupacións daranse cita na tarde do vindeiro domingo, 11 de maio, no Campo da Festa de Arteixo para bailar xuntos
A ‘Muiñeira dos freires’, protagonista do XXXVII Día da Muiñeira de Arteixo que organiza Xiradela

A 37ª edición do Día da Muiñeira de Arteixo, que año tras año organiza a A.X. Xiradela, terá lugar mañá domingo, 10 de maio, a partir das 18:00 horas no Campo da Festa, múdase a localización inicial, o Paseo do Balneario, para que a meteoroloxía non afecte a celebración da cita. A peza escollida para esta ocasión, e que executarán de xeito conxunto todos os grupos de baile, é a ‘Muiñeira dos freires’.

 

O Día da Muiñeira de Arteixo suma, con esta, 37 edicións poñendo en valor esta peza tradicional e reunindo ao son deste ritmo a bailadores e bailadoras chegados de diferentes puntos da contorna. “Queremos pasar unha tarde chea de música, danza e desfrutando do noso”, comenta Uxía Verdía, presidenta da A.X. Xiradela que organiza un ano máis esta cita.

 

Nesta ocasión participan 9 agrupacións e un total de 28 grupos de baile. Estímase que ao redor de 300 persoas estarán bailando a mesma peza a un tempo no Campo da Festa de Arteixo. O público poderá seguir ao vivo esta proposta cultural a pé de rúa, polo que se agarda unha tarde con moito ambiente no concello arteixán. “Pretendemos conseguir que as rúas estean cheas de bailadores e bailadoras e que a xente sexa consciente de que o folclore, neste caso a muiñeira, está moi vivo e ten continuidade nas novas xeracións”, apunta Uxía Verdía.

 

A lista de agrupacións que farán parte do XXXVII Día da Muiñeira de Arteixo son:

 

Colexio Sagrado Corazón Franciscanas (3 grupos) (A Coruña)
Asociación Cultural Xacarandaina (A Coruña) (5 grupos)
Asociación Cultural Santa María de Torás (2 grupos) (A Laracha)
Asociación Cultural e Deportiva Carcaxía (1 grupo) (Malpica)
Asociación Cultural Nemeth (6 grupos) (Carballo)
Asociación Cultural A Marola de Mera (3 grupos) (Oleiros)
Asociación Cultural Trubisquiña (1 grupo) (Vimianzo)
Asociación Cultural Recreativa e Deportiva O Castro (4 grupos) (Miño)
Asociación Xuvenil Xiradela (3 grupos) (Arteixo)
 

Cada grupo terá reservado un espazo concreto ao longo do Campo da Festa onde se irán colocando ao arranque do acto. Ata en tres ocasións bailarán estes 28 grupos a ‘Muiñeira dos freires’ a un tempo. Cada un deles executará os puntos e as voltas que elixiu para esta actuación. Entre cada un dos tres pases haberá un descanso. A adaptación da peza contará con catro puntos e cinco voltas.

 

Nesta cita dominical, organizada pola A.X. Xiradela desde o ano 1987, colaboran o Concello de Arteixo, Vegalsa – Eroski e Mesturiña Galega.

 

Ao final da cita as asociacións participantes recibirán un detalle en lembranza pola súa participación no XXXVII Día da Muiñeira de Arteixo. Tamén se lles repartirá unha merenda aos bailadores e bailadoras participantes.

A ‘Muiñeira dos freires’, protagonista do XXXVII Día da Muiñeira de Arteixo que organiza Xiradela

Te puede interesar