A concelleira Noelia Martínez Canosa abandona Alternativa dos Veciños e faise concelleira non adscrita

Lanza duras acusacións contra a formación que lidera García Seoane
A concelleira Noelia Martínez Canosa abandona Alternativa dos Veciños e faise concelleira non adscrita
Noelia Martínez Canosa

A Concelleira Noelia Martínez Canosa enviou esta tarde un comunicado para informar que abandona o Grupo Municipal de Alternativa dos Veciños e pasa á condición de concelleira non adscrita. Así, asegura que "desde o inicio da presente lexislatura vin e comprobei como a formación política pola cal me presentei como candidata á alcaldía nas pasadas eleccións municipais do 2023 e a cal representei ata a data na corporación e no pleno municipal do Concello de Arteixo foise descompoñendo, chegando a pisar e a traizoar os valores e os principios recollidos nos estatutos da formación, ata o punto de que, a dirección e Comisión Executiva de Alternativa dos Veciños apoiou e amparou políticas, xestións e actuacións que atentan contra a administración pública e que vulneran a legalidade, levadas a cabo por concelleiros e concelleiras de Alternativa dos Veciños nalgúns municipios onde está presente e ten representación", sinala Caonsa.


Para ela "o cambio e deterioro producido nos últimos tempos na formación política Alternativa dos Veciños foi tal, que mesmo as persoas que ostentan os cargos de representación nos órganos do partido, que teñen as competencias e o deber de dar cumprimento ao establecido nos estatutos polos cales se rexe o partido, néganse a realizar as pertinentes convocatorias dos órganos de goberno e representación do partido, impedindo deste xeito a participación dos/as representantes e limitando así a democracia dentro da formación".


 

Na súa opinión, "tamén, existen varios procedementos xudiciais que afectan a cargos e representantes de Alternativa dos Veciños, atopándose estes en diferentes fases, pero que, algúns deles apuntan, previsiblemente, a claras prevaricacións e malversacións de fondos públicos" e a Comisión Executiva de Alternativa dos Veciños "é coñecedora destas graves situacións, que mesmo foron denunciadas públicamente no seu momento polo presidente de AV, Ángel García Seoane, pero que despois decidiu pasar a mostrar apoio a aqueles que atentan contra as administracións públicas"

"Ao final -engade- o señor García Seoane sempre acaba por poñerse de lado de aqueles que vulneran as leis, xa o vimos no caso da parcela número 24 do Polígono de Sabón, onde se sitúa o parque comarcal de bombeiros, e que foi vendida ilegalmente polo alcalde de Arteixo, pero que logo foi apoiado por todos os deputados e deputadas dos diferentes grupos...Aquelo de: 'Hoxe por ti e mañá por min". 

 

Canosa asegura que, como "sempre lle digo a o señor Calvelo no pleno de Arteixo, ao final son todos iguais, son todos uns. En publico, de vez en cando, montan o circo para facer o papel, pero logo en privado enténdense a perfección. Teñen moito que calar e moito que tapar, os uns e os outros, e é por isto que se tapan os uns a os outros. Isto é así, é a verdade".


A concelleira conclúe que "Alternativa dos Veciños ten graves problemas en todos os municipios onde está presente e ten representación, isto é así, non é que o diga Noelia Martínez Canosa, senón que existen diferentes situacións que son bochornosas. Nestes momentos Alternativa dos Veciños asemellase máis a unha comparsa que a unha formación política", polo que ten decidido que "non vou a participar no 'show' que teñen montado, nin tampouco vou a quedar nunha formación que está inmersa en graves procedementos xudiciais. Eu son unha política 100% legal, honrada e transparente, que traballo e penso unicamente nos intereses do municipio de Arteixo e dos seus veciños, e non quero verme salpicada polas falcatruadas que levan a cabo algúns e algunhas".

 


“Atendendo á gravidade da situación, o pasado día 7 de agosto de 2025 a agrupación de Alternativa dos Veciños de Arteixo reuniuse en asemblea, adoptando por unanimidade a decisión de que esta concelleira deixase de representar ao municipio e a veciñanza de Arteixo na corporación e no pleno municipal baixo as siglas da formación política Alternativa dos Veciños e, que pasase a facelo na condición de concelleira non adscrita” explica Noelia Martínez Canosa.


 

“O meu compromiso co municipio de Arteixo e cos arteixáns e arteixás segue intacto, do mesmo xeito que as miñas ganas de seguir traballando e contribuíndo a xerar que Arteixo sexa un futuro de oportunidades para os nosos mozos e mozas, onde poidan vivir e traballar, e para mellorar a calidade de vida, os servizos públicos e o benestar dos nosos veciños e veciñas. Defendendo sempre unha administración pública máis transparente, máis áxil e comprometida coa veciñanza. Unha política desde abaixo, con vocación de servizo e feita por xente honesta, onde non caben os intereses particulares ou mafiosos".


"Para min e para as miñas compañeiras e compañeiros de agrupación -sentencia- os intereses de Arteixo e dos nosos veciños e veciñas están por encima de todo, e é por iso que, pensamos, ademais con toda seguridade, de que tomamos a mellor das decisións”, matiza Martínez Canosa.

A concelleira Noelia Martínez Canosa abandona Alternativa dos Veciños e faise concelleira non adscrita

Te puede interesar