“Van ser 90 minutos moi emotivos, eu creo que a xente vai querer que se repita, pero non se vai repetir”, resume entre risos o músico coruñés Óscar Rosende sobre o vindeiro concerto de Great Straits, en formato sinfónico, acompañados da OSG. Será o 21 de xuño, ás 20.00 horas, no Palacio de la Ópera.
Como xurdiu toda esta idea?
Bufff... eso do sinfónico xa vén de hai moitos anos. Cando presentamos o concerto, en setembro, Queijo (xefe de produción da OSG, que se xubilou o pasado outubro) díxome “conseguíchelo, eh, despois de tandos anos”, e foi cando me recordou a primeira entrevista que eu tivera con Víctor Pablo Pérez, fácil pode facer trece ou catorce anos. A cousa estivo aí, en stand by. Hai dous anos chamei a Andrés Lacasa (exgerente de la OSG) e conteille que tiña unha cousa na cabeza que nunca me atrevera a comentala. Honestamente, eu vexo á OSG a un nivel moi alto, nunca te atreves a dar ese paso. Citoume no seu despacho e non levabamos nin dous minutos e díxome: “Paréceme un proxecto estupendo e encaixa moi ben”. É algo que nin os Dire Straits, nin Mark Knopfler, chegaron a facer. Si, Metallica fixo isto, Neil Young... estamos tolos, tan osados (ri), que o vamos facer desde unha esquina da península. Parece que estos proxectos ambiciosos, grandes, estamos acostumados a que veñan de fóra a facelos aquí.
Os arranxos non semellan unha tarefa fácil.
Non (sorrí). Un dos meus pianistas, Adrián Saavedra, que tamén fixo os arranxos de dous espectáculos sinfónicos de Abraham Cupeiro, el se encargou dos arranxos. Seleccionamos o repertorio acorde ao timing que nos dá a OSG. Vai ser un concerto de 90 minutos, nós normalmente facemos concertos de máis de dúas horas, porque as cancións dos Dire Straits son de todo menos cortas (ri), igual un solo de guitarra dun minuto hai que recortalo.
E cal é a resposta dos músicos?
Despois da reunión con Lacasa, houbo outra con José Trigueros, que vai ser o director, que dicía “a min encántame Dire Straits”, xa mola, pero ademais esto que queremos facer tamén gusta. Fixemos unha pequena escoita e gustáronlle os arranxos. O domingo comezamos a montaxe, seguimos o luns e o martes pola mañá comezan os ensaios coa orquestra. Nun principio pensamos nese primeiro ensaio só para a orquestra, para lectura, e o outro día mandoume unha mensaxe Trigueros e dicíame “non, vámolo facer xa con vós”, (sorri), teñen un gran nivel.
Virá xente de fóra.
Cando anunciamos en redes, vimos que se estaba a mover xente de Euskadi, Madrid, Valencia... escribiume alguén de Andalucía que me dixo que viñan en coche, toda a familia, dez horas para subir... é unha cousa que a min, honestamente, emocióname moitísimo, que haxa xente que viaxe desde tan lonxe para un concerto único.
Porque vai ser unha soa vez.
Sí, unha sola vez.
Non plantexan futuras colaboracións con outras orquestras?
Non vou dicir ‘desta auga non beberei’, pero está enfocado como concerto único. O outro día dicíalle a un amigo, “compraches entradas para ver a ese fulano e non as miñas”, “é que claro, este, para unha vez que vén”, “coidado, que esto é unha vez e quizáis non volvo tocar aquí en cinco anos”. Ás veces pecamos un pouco con iso, como son de aquí, xa volverán. Vai ser unha sola vez. Gravareino, pero ao mellor non para publicalo. Estas cousas hai que gravalas, aínda que sexa para poñermo na casa e dicir “que bonito foi, pero canto traballo custou” (ri). Vou estar superemocionado, xa o estou agora, escoitando os arranxos a moco tendido (ri). Creo que o 99% do público se vai emocionar, algunha bágoa caerá.
Sen facer moito spoiler, qué temas poderá escoitar o público?
Que non teñan medo, ‘Romeo & Juliet’, ‘Sultans of swing’... podo dicir a meirande parte dos temas, porque aínda que os diga, ninguén escoitou os temas como os vai escoitar o 21. Posiblemente, dicindo os temas, alguén poida poñerse na súa cabeza: “Dios, ‘Telegraph Road’ sinfónico, ‘Brothers in arms’, como vai sonar iso? ‘Sultans of swing’, ‘Money for nothing’... me explota la cabeza” (ri). Vamos pechar o concerto con ‘Going home’, que é como pechaba Dire Straits desde 1983. Pero aínda que diga os temas, non importa dicilos porque nunca escoitaches, na túa vida, nin por Dire Straits, nin por Mark Knoplfer, nin por nós, como o día 21. Eso é algo exclusivo, que osados somos (ri).