“O mellor residuo é o que non se produce”

“O mellor residuo é o que non se produce”

“O mellor residuo é o que non se produce”. Este é o cimento sobre o que vira o modelo Sogama, que segue fielmente a xerarquía de xestión de residuos establecida pola Unión Europea, e que comeza coa prevención e a redución, continúa coa preparación para a reutilización e a reciclaxe, e culmina coa valorización material e/ou enerxética da fracción non reciclable, relegando a vertedura a último lugar por ser a opción máis nociva para o medio ambiente e a saúde pública.

O consumo racional, consciente e responsable constitúe o primeiro elo dunha cadea colaborativa que se afana en minimizar o impacto do residuo sobre a contorna, priorizando desta forma a súa recuperación e transformación nun novo recurso.


Sinxelos xestos a poñer en práctica no traballo, no centro educativo, na compra, no tempo de lecer e no fogar terán un notable impacto positivo sobre a contorna se cada vez somos máis os que os incorporamos á nosa vida cotiá 



Para que isto sexa posible, a activa participación dos cidadáns cobra especial protagonismo para avanzar cara á sustentabilidade ou, o que é o mesmo, un desenvolvemento no que convivan de forma equilibrada e harmoniosa o crecemento económico, a protección ambiental e a cohesión social.

As boas prácticas nos distintos escenarios da vida cotiá (o traballo, o centro educativo, a compra, o tempo de lecer e o fogar), por moi insignificantes que poidan parecer, terán un notable impacto positivo sobre a contorna se cada vez somos máis os que as adoptamos.


No traballo



1. Imprime unicamente as páxinas que precisas e polas dúas caras.

2. Utiliza o papel usado para borradores.

3. Devolve os cartuchos baleiros ao provedor para que os encha.

4. Leva a túa propia cunca ou vaso de casa.

5. Doa os equipos electrónicos a organizacións que poden darlle unha segunda vida. 1. Contribuirás a loitar contra a fenda dixital.

6. Opta por material de oficina recargable que poida durar moito tempo.



Na escola ou centro educativo


1. Antes de lanzarte a comprar material educativo novo, comproba o estado no que se atopa o do curso anterior. Seguro que hai cousas que se poden reutilizar.

2. Se necesariamente tes que adquirilo, opta por un resistente e de longa duración.

3. Aproveita ao máximo o papel. Escribe por ambos os dous lados.

4. Leva o teu tentempié nun tupper e a bebida nunha cantimplora. Evita o uso de plásticos e papel de aluminio.



Na compra


1. Fai unha lista da compra e cínguete á mesma. Evitarás o desperdicio de produtos polos que pagaches e aforrarás diñeiro.

2. Prioriza os artigos a granel. A embalaxe representa o 23% do peso dos nosos residuos domésticos e unha parte importante do volume das bolsas de lixo.

3. Aposta polos produtos locais e de tempada.

4. Opta por aqueles que leven menos envase e embalaxe, e evita os refugables dun só uso.

5. Dá preferencia ás bolsas reutilizables. As dun só uso utilízanse durante unha media de 20 minutos antes de ser refugadas. Así mesmo, as de plástico, se non se xestionan correctamente, poden acabar na contorna, onde permanecen ata 400 anos.

6. Elixe produtos con etiquetas ecolóxicas, xa que garanten a calidade dos mesmos, así como o seu reducido impacto no medio ambiente ao longo do seu ciclo de vida.




No tempo de lecer


1. Se vas preparar unha celebración, calcula o que precisas e evita a compra excesiva de comida e elementos de decoración.

2. Se asistes a unha celebración, opta por obsequios “desmaterializados”: subscricións, entradas para o cine ou para un concerto, clases de cociña, etc.

3. Usa pilas recargables.

4. A xardinería ou o cultivo de produtos na horta son os teus hobbies? Valora a posibilidade de facerte cun composteiro, ou ben fabrica o teu propio para depositar no mesmo os restos vexetais e restos de alimentos. Producirás un abono natural de alta calidade e con excelentes propiedades fertilizantes para a túa horta ou xardín.

5. Cando vaias de picnic, leva recipientes herméticos para a comida e cubertos reutilizables de metal. Esquécete do plástico de usar e tirar.




Na casa


1. Inclínate polos produtos duradeiros. Por exemplo, os panos de limpeza, maquinillas de afeitar, etc.

2 Cociña alimentos frescos. Non só comerás máis san e saudable, senón que aforrarás unha gran cantidade de desperdicios de envase e embalaxe.

3. Axusta as racións ao número de comensais.

4. Aproveita as sobras para a elaboración de novos menús.

5. Diferenza entre data de caducidade e data de consumo preferente. A primeira indica o momento no que un artigo pode representar unha ameaza para a saúde. A segunda, o momento no que pode perder propiedades (textura, sabor, cheiro), pero non supón risco para a saúde.

6. Pon orde na túa neveira e despensa. Coloca os artigos perecedoiros na parte dianteira para velos mellor e consumilos en prazo.

7. Enche unha xerra con auga da billa. Evitarás o consumo de botellas plásticas.

8. Lembra que as lámpadas de baixo consumo consomen un 80% menos de electricidade e duran de 6 a 8 veces máis.

9. Reutiliza e repara os aparellos eléctricos e electrónicos tanto como che resulte posible e, cando xa acaben a súa vida útil, lévaos ao punto de recollida autorizado.

10. Recorre aos produtos de aseo persoal sólidos -por exemplo, xabón en lugar de xel de ducha-. Ten menos embalaxe.

11. Dálle unha segunda vida á roupa que xa non queiras regalándoa a amigos, familiares ou ben a asociacións benéficas.

12. Antes de tirar un obxecto, avalía a súa posible reutilización por ti ou por outras persoas.

“O mellor residuo é o que non se produce”

Te puede interesar