Grande Amore | “Los Suaves é un dos grupos da miña vida”

Regresan á Coruña para presentar o seu terceiro disco, ‘III’, cun doblete na Mardi Gras, hoxe e mañá, coas entradas esgotadas desde hai semanas. Unha cita “especial”, tal e como explica Nuno Pico, porque actúan para a súa xente tras varias citas fóra de Galicia
Grande Amore | “Los Suaves é un dos grupos da miña vida”
Grande Amore | Esther Estévez

Grande Amore volve á Coruña para presentar ‘III’, o seu novo disco. O traballo evoluciona máis cara o rock, con moitas máis distorsións e algo menos de base electrónica. Presentan o disco con dous concertos na Mardi Gras hoxe (21.00 horas) e mañá (22.30), ambos coas entradas esgotadas desde hai semanas.

 

Esta semana temos un interese especial, primeiro porque tocamos na Coruña dous días seguidos e porque tocamos en Burela o sábado”, explica Nuno Pico, alma máter de Grande Amore. Veñen de tocar en cidades como Murcia, Alicante ou Málaga, “agora, tocar tan cerca da casa, con todo vendido, con amigos, moita xente coñecida... píllalo con ilusión”.
 

Pico explica que a evolución do sonido, máis rockeiro, “xa se daba no noso directo”, pero foi a máis “cando se incorporou Clara (Redondo) como guitarrista e empecei eu a tocar máis a guitarra”, aínda que o rock sempre correra polo seu sangue, como xa demostrou nos dous traballos anteriores. 
 

Neste caso, apunta que “o traballo de produción de Jaco (Jacobo Naya) foi tan bo, tan fino, que non se parece en nada a como era o noso directo antes” afirma entre risos. “Para nós, foi gracioso ter que poñernos a ensaiar moi intensamente para poñernos á altura, entre comiñas, para dar tocado ese disco que iba a ser un reflexo do directo”.
 

No disco, hai colaboracións como a de ‘Ti máis eu’, tema ao que se sumou Nacho Vegas. “Dáme moita vergonza, moito pau, pedir esas cousas”, recoñece o músico do Valadouro, “paréceme metelos nun compromiso”. Ilústrao a modo de anécdota: “Eu dicía, ‘cando che diga que non, tu mínteme, ponme unha escusa... esguinzouse xogando ao fútbol sala e non pode vir, calquera cousa’”, lembra sen aguantar a gargallada. “Pero aceptou, encantador, entregado á canción, traduciuna incluso a letra ao asturiano”, indica.
 

Noutra das cancións, homenaxea a Los Suaves, “un dos grupos da miña vida”. Grande Amore versionan ‘Maldita sea mi suerte’, “unha das cancións que máis me gustou sempre”. Charli Domínguez, baixista de Los Suaves, compartiu o tema no seu programa de Radio Galega, ‘O lobo urbano’, aínda que Nuno Pico recoñece que aínda non o escoitou. “É tanta a admiración e respeto polos Suaves e a súa obra, dáme moito reparo saber o feedback desa canción”, afirma cun sorriso.
 

Para outro dos temas, ‘Ontes fun moi malo’, gravou un videoclip, xunto a Xaime Miranda, no que xuntou a amigos e familia en Frexulfe, “na miña parroquia”. “Quedei moi contento co resultado”, asegura, aínda que matiza, non sen rirse, “tamén é certo que acabamos gastando o que tiñamos para todos os videoclips neste, pero bueno, rock and roll”.
 

Con todo, asegura que o obxectivo tras publicar o disco é “un pouco como iso que se dicía nas guerras, ‘sobrevivir para luchar un día máis’”. “O obxectivo é ese, estamos facendo música moi personal, que está funcionando mellor do esperado”, ao que engade que “é moita sorte como para pensar que máis se pode esperar, con facer outro disco máis, noso, que nos motive, e que a xente o siga a acoller ben, xa me parece abondo pedirlle á vida”. 

Grande Amore | “Los Suaves é un dos grupos da miña vida”

Te puede interesar