A Fundación Repsol, en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, convoca a XIX edición do Premio Narrativa Breve Repsol, co obxectivo de impulsar a creación literaria en lingua galega e reforzar a súa presenza no ámbito cultural.
O anuncio da nova edición tivo lugar esta mañá nun acto institucional que contou coa presenza do secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, e da directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro. Tamén participaron Marcos Calveiro, director de Edicións da Editorial Galaxia; Cesáreo Sánchez, presidente da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega); e Dolores Sánchez Palomino, arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega.
O Premio Narrativa Breve Repsol naceu en 2006 co impulso do Complexo Industrial de Repsol na Coruña e a Secretaría Xeral da Lingua. Desde 2010, a Fundación Repsol asumiu a súa organización, mantendo a colaboración da Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, a AELG e a Editorial Galaxia, que publica a obra gañadora.
Ao longo das súas dezaoito edicións anteriores, o certame recibiu case 600 obras orixinais e converteuse nun referente para escritores e lectorado en galego. A dotación económica do galardón é de 12.000 euros, ademais da publicación da novela curta gañadora por parte da Editorial Galaxia.
As persoas interesadas poden presentar as súas obras ata o 31 de xullo de 2025. Os textos deben estar escritos en lingua galega conforme á normativa da Real Academia Galega, ser orixinais e inéditos, e ter unha extensión de entre 120.000 e 270.000 caracteres con espazos incluídos.
O xurado estará composto por representantes das entidades colaboradoras e dará a coñecer a obra gañadora no mes de setembro. As bases completas da convocatoria están dispoñibles en: acoruna.repsol.es
Premiados nunha historia de excelencia literaria
O palmarés do Premio inclúe nomes recoñecidos das letras galegas como Berta Dávila, Santiago Lopo, Ánxeles Sumai, Antón Lopo, Xurxo Sierra ou Gonzalo Hermo. Na última edición, o escritor Alberto Ramos foi recoñecido por segunda vez, nesta ocasión coa súa obra Pirotecnia.
O Premio Narrativa Breve Repsol reafírmase así como un motor clave na promoción da literatura galega contemporánea e na normalización da lingua a través da cultura.