Cristina Pato (Ourense, 1980), recoñecida música pero tamén escritora e docente, tomou por sorpresa ao público galego cando fai cinco anos decidiu baixarse dos escenarios tras preto dun cuarto de século percorrendo o mundo coa súa gaita. Na actualidade, logo da súa exitosa primera novela, ‘No día do seu enterro’ (Galaxia, 2022), afonda nas “preguntas que xurdiron na miña cabeza cando me fun retirando” con ‘Fóra de foco’ (Galaxia), unha segunda escrita que o pasado xoves presentou aos coruñeses na librería Berbiriana, e coa que volve a reiventarse como artista.
A novela narra unha sorte de procura existencial dunha muller nun traballo creativo. Vese identificada na traxectoria dalgunha das dúas protagonistas? Canto hai das súas vivencias como artista nesta novela?
‘Fóra de foco’ é unha obra de ficción, pero si que comparto coas protagonistas tanto a paisaxe urbana e humana do West Village de Nova York coma as preguntas que se formulan as protagonistas. A obra nace precisamente desas preguntas que xurdiron na miña cabeza cando me fun retirando dos escenarios hai agora cinco anos, e de aí sae esta historia de ficción narrada por unha xornalista, Marieta Carracedo, que se obsesiona por procurar respostas sobre as razóns que levaron a unha fotógrafa de prestixio, Basil Cancela, a retirarse da súa vida pública e facer desaparecer a súa obra.
Nalgunha outra entrevista menciona que ‘Fóra de foco’ é unha obra que convida a unha lectura pausada, reflexiva. Vostede vive en Nova York, e os tempos nos EEUU, e se cadra no mundo enteiro, son máis convulsos do que seguramente foron en moito tempo. Pode axudar a literatura a conlevar esas dificultades, a facernos ver as cousas con perspectiva?
Vivimos en tempos complexos, tanto en Nova York coma na meirande parte do mundo. E sen dúbida a literatura pode ser unha ferramenta de pensamento, de escape, de reflexión, de entretemento... A min axúdame a estar en varios mundos á vez, a aprender outros xeitos de ver as realidades que nos rodean, a entender outras formas de vida, e hei de recoñecer que, ao igual ca música, a literatura me salvou moitas veces ao longo da miña vida.
Son moi distintas as ferramentas narrativas do escritor que as do compositor? Axúdalle ou márcalle dalgún xeito a súa carreira como música á hora de traballar nas novelas?
Na miña carreira coma música fun sobre todo intérprete, e a experiencia que vivín eu durante os 25 anos de carreira profesional na música foi moi diferente, ou case oposta, a estoutro camiño da escrita. Dos ritmos rápidos de traballo, do traballo en colaboración e da intuición dos escenarios pasei a un ritmo lento, individual, e se cadra máis reflexivo, que era cara onde ía a miña vida.
Acostumada aos concertos e as grandes xiras, como é afrontar actos como as presentacións de libros ou as sinaturas, nas que o trato co asistente parece máis directo e podes escoitar as súas impresións sobre a obra?
Na miña carreira na música eu sempre tiven moito contacto co público, e quizais esa era a parte que máis desfrutaba, polo que a diferenza non é moi grande. Hoxe, cando me paran pola rúa para comentarme unha das miñas columnas para o xornal, ou a miña novela, ás veces penso que a relación entre o que escribe e o público é un pouco máis directa ou máis sinceira que a do artista co seu público.
Tivo medo nalgún momento a que o posible público non se adaptase aos cambios que tomou na súa carreira en base á súa curiosidade artística?
A novela fala tamén da relación entre a vida pública e a vida privada, sobre o equilibrio entre o que queremos facer e o que se espera que fagamos, sobre atopar un ritmo que lle dea sentido ás nosas vidas. E respondendo á túa pregunta, cando a túa profesión conleva estar exposto á vida pública, cada un fai o que pode para lidar coas complexas consecuencias desa exposición.
Que lle atrae tanto da literatura, ámbito no que está a afondar nos últimos anos tras deixar os escenarios?
Comecei a escribir publicamente hai agora dez anos, a través das miñas columnas para o xornal. E polo camiño, por circunstancias da vida, funme sentindo cada vez máis cómoda con esa vía de expresión e o ritmo que vai ligado a ela. Antes compaxinaba a escrita cos escenarios, e agora coa docencia. E ao igual que lles pasa as protagonistas da novela, o importante é ser capaz de atopar un ritmo de vida que aporte sentido á existencia de cada un.
Que autores ou autoras son os seus favoritos, ou os que máis lle inspiran á hora de escribir?
A lista de favoritos sería infinita, e vai mudando cos anos: desde Javier Marías a Joan Didion, pasando por Benjamín Labatut ou Chimamanda Ngozi Adichie... Tamén desfruto moito do ensaio, e quizais a obra ‘Frágiles’ de Remedios Zafra estea moi presente nesta novela.
Gaiteira, pianista, docente, escritora… Que lle falta por facer? Hai algún outro ámbito artístico no que teña ganas de mergullarse?
Para min todo está relacionado, a música, as artes, a literatura, a docencia... O meu camiño na educación céntrase precisamente niso: na conexión entre as ciencias e as humanidades a través das artes. A miña é unha natureza inqueda, e agora mesmo, entre a docencia e a escrita, sinto que estou nun lugar que me fai aprender acotío, e iso é o que me mantén ilusionada con este camiño.