Fraguado na Coruña e coincidindo feliz e casualmente no tempo coa adicación do Día das Letras Galegas 2025 ao colectivo das cantareiras, o novo libro do escritor Antonio Tizón, ‘Coplas Analfabetas’ (Editorial Elvira), supón toda unha oda á tradición oral galega. Unha obra na que o seu autor, que asinará exemplares esta tarde (19.00 horas) na feira do libro, na caseta da libraría Pedreira, recopila e recupera as coplas que lle escoitou cantar durante a nenez á súa avoa, María Cordeiro, unha muller que non sabía ler nin escribir e que, non obstante, tiña un amplo coñecemento do cancioneiro popular.
Autor cunha ampla traxectoria –sobre todo na novela negra–, levaba “desde fai moitos anos, 2016 ou 2017” coa idea deste libro, segundo explica Tizón. Durante un tempo foise reunindo cos concellos e artistas de toda Galicia para tratar de desenvolver e financiar a súa idea: un libro-disco multimedia con enlace vía códigos QR ás gravacións dunha escolma das coplas, que se musicalizarían. A dificultade do proxecto (cun gasto de miles de euros) e a pandemia frustaron nun inicio os seus empeños, ata que atopou a Eugenia Sanmartín, figura “clave” no proxecto que, logo dunha fructífera reunión de traballo no restaurante Bido da Coruña, coordinou o equipo artístico e técnico detrás do proxecto.
Así naceu un libro cheo, principalmente, de “romances encadeados, nos que o último verso sempre enlaza co primeiro da seguinte copla”: “Teñen sentido independente, pero tamén como unha historia única de dúas partes. A primeira chámase ‘Coplas analfabetas e revolucionarias’, máis política e social, e ‘Coplas de vida trala morte’, máis metafísica”.
Nas adaptacións musicais, 14 en total dentro dos 55 poemas que compoñen o libro, participaron artistas recoñecidos da escena folk galega como o grupo Barahúnda, Ramón Dopico, Carmen Penide ou a propia Sanmartín. Un equipo “fantástico” para cantar na honra da súa avoa e das cantareiras.