O ciclo Elas Son Artistas regresa a A Coruña para continuar reivindicando o talento feminino

Música, teatro, humor, obradoiros, unha exposición, pintura e danza encherán os múltiples espazos
O ciclo Elas Son Artistas regresa a A Coruña para continuar reivindicando o talento feminino
Presentación de Elas son Artistas | Javier Alborés

A oitava edición de Elas Son Artistas foi presentada no Teatro Colón de A Coruña. Un ano máis, artistas, representantes de concellos, de entidades colaboradoras e patrocinadoras e a organización celebraron un acto no que todas as partes implicadas expuxeron a importancia dun proxecto que da a oportunidade de achegarse a coñecer de preto a artistas de longa traxectoria e outras que están a comezar a súa carreira en disciplinas moi diversas.

 

A nova convocatoria terá como lema: As pequenas comunidades e as artes como refuxio ante a barbarie. Un convite a reflexionar sobre o importante que é tecer unha comunidade e tamén do lonxe que están as persoas con inquedanzas culturais do afán desmedido de riquezas que nos achegan moitos medios de comunicación con constante información sobre as fluctuaciones das bolsas e os resultados das grandes empresas, e esa teima dalgúns dirixentes, case sempre homes, por aniquilar e destruir sen ningún tipo de remordimento a quen consideran inimigos.


Durante sete meses, de maio a novembro, o público poderá ver propostas creadas por mulleres artistas en sete concellos diferentes da área metropolitana da Coruña. Serán A Coruña, Arteixo, Betanzos, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Estaba previsto que Cambre, que estivo presente nas cinco primeiras edicións, se reincorporase, pero a situación política fixo imposible que a día de hoxe poda confirmarse a súa participación.

Dende a organización sinalan como clave a vontade política dos concellos implicados aportando fondos para que o ciclo sexa unha realidade. Especialmente o Concello da Coruña no que se vivirán unha parte importante das actividades pola firme aposta por consolidar o ciclo na cidade. Tamén son fundamentais as colaboracións de empresas como a constructora Citanias que pasa de colaboradora a patrocinadora, e a continuidade de Gadis. Ademáis, colaboran o albariño Marieta de bodegas Martín Codax, A Asociación de Intérpretes e Executantes, A República Musical Mardi Gras e Coca-Cola. Súmase este ano tamén a Xunta de Galicia como entidade colaboradora a través da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade. 

O ciclo comeza o sábado 10 de maio coa actuación do dúo madrileño Las Nietas del Charli. Son irmás e están chamadas a ter un imporatnte oco na escea de música de autoras e con raices. A natureza e a comunidade son os eixes principais das suas letras. A actuación será ás 20:30 horas no Auditorio do Centro Cultural A  Fábrica de Santa Cristina en Oleiros. Ao prezo case simbólico de catro euros.

 

As seguintes actuaciones iranse distribuindo dende o venres 6 de xuño coas coruñesas Leria en Arteixo no Auditorio exterior do Paseo Fluvial.
 

En xullo, un Obradoiro de creación de poesía con Lucía Aldao, na Casa Museo Casares Quiroga, de inscrición gratuita. Será os días 15 e 16. Unha das actucións máis agardadas é sempre a que se celebra na Praza de Azcárraga. Este ano será un concerto da murciana María Ruíz, en plena celebración dos seus primeios dez anos de carreira, acompañada da pintura en directo de Mamen Bazarra. Será  o mércores 16.


O mércores 30 chega unha actuación moi especial, con data única en Galicia. Gozaremos do directo de Kate Clover e a sua banda. Cantante, compositora e guitarrista de California, coñecida como a nova Blondie dentro da escea rock norteamericana. Será na Sala Mardi Grase as entradas están xa á venda. Xusto a continuación chegará unha exposición da coruñesa Julia Lago que se poderá ver todo o mes de agosto na Casa Museo María Pita.

 

De setembro a novembro, actividade intensa
Duas artistas brasileiras serán protagonistas no mes de setembro, xunto á segunda visita de Hannah Aldridge, dende Alabama. A primeira que recibiremos en Mardi Gras será  Jacque Falcheti o xoves 11 de setembro. Esta artista brasileira xa ten gañado diversos premios e xirado por dezaseis países. A bossanova toma o protagonismo de Elas Son Artistas.

O domingo 14 tamén en Mardi Gras, onde naceu o ciclo, será a actuación de Hannah Aldridge e a súa banda, toda unha celebración do rock e a música folk de norteamérica.

 

A penúltima actividade de setembro será o domingo 21 de setembro na Fundación Luís Seoane. A brasileira Anna Tréa, regresa á Galicia.  Estivo no Womex celebrado en A Coruña ofrecendo un gran showcase no que amosou a súa calidade como guitarrista e compositora. E entrada será ilbre ata completar aforo. Nese mesmo evento teremos a proxección da curtametraxe documental Raices. Da utopía en diante dirixido por Illa Bufarda, unha cooperativa galega creada por tres mulleres e que recrea un proxecto realizado por mulleres do rural galego, en concreto dunha aldea de Ames. Contaremos con varias protagonistas dese proxecto par un coloquio.

O día 24 dese mes visitaremos o mítico Jazz Filloa cunha actuación musical que ainda non está confirmada.
 

Ao comezar outubro, o venres 3, imos a outra sala de concertos coruñesa  cargada de historia Garufa Club. Alí gozaremos da presentación do novo disco das asturianas Pauline en la Playa. Ben coñecidas pola afección ao pop en España  tras máis de 25 anos de carreira, dende que comezarán a súa andaina musical con Undershakers. As entradas xa están á venda.

Ese mes de outubro o ciclo visitará o Instituto de Carral onde se ofrece un Obradorio de ilustración e creacion de personaxes impartido pola coruñesa Irene Sanjuán e tamén unha actuación musical para os 400 alumnas e alumnos do centro a cargo de Adhara & Rtiman, co seu rock en galego con mensaxes poderosas e unha canción imprescindible: Por elas.

En outubro visitaránse as instalacións da empresa colaboradora Coca-Cola en Alfonso Molina para un interesante coloquio entre tres mulleres con diversos papeis na industria musical galega: Ángela Vila, Candela Liste e María Nieto. Son, por esta orde: xestora cultural e representante de artistas, artista autoxestionada e responsable de comunicación de múltiples proxectos, ademáis de xerente de Clubtura, a Asociación galega de salas privadas de música ao vivo. A entrada será libre. O día está pendente de confirmación.

 

O mes de outubro finalizará cun dos pratos fortes do ciclo. Será o domingo 26 de outubro no Teatro Colón da Coruña. Unha actuación que ainda non se pode anunciar.

As últimas actividades do ciclo chegarán en novembro, xa para pechar esta oitava edición, na que non se descarta algunha sorpresa máis.

CULLEREDO, SADA E BETANZOS, EN NOVEMBRO CON ENTRADA GRATUITA
O mes de novembro rematará con tres propostas moi variadas. O venres 7 será o momento para o humor e a reflexión escénica de Raquel Crespo no seu concello, Culleredo. O Auditorio do Edificio de Usos Múltiples de O Burgo acollera o espectáculo Punto en boca da actriz galega, involoucrada en múltiples proxectos. Con este logrou un Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña en 2024. A costura e as suas posibilidades creativas son o punto de partida desta obra que veremos con entrada gratuita.

O sábado 8, unha cita agardada polos fans de Leticia Rey. A presentación do seu primeiro traballo íntegramente en galego: Danza Luz. Será na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. Será unha actuación especial xa que teremos á actuación a sadense Estefi Gómez, sumando a danza a esta presentación.    

Esta oitava edición pechará cunha artista que xa estivo no ciclo coa súa obra Anatomía dunha serea, sobre a violencia obstétrica e agora interpreta Vitória, coa que reflexa outra experiencia vivida por ela, Iria Pinheiro. Será no auditorio da Aula de Cultural Xulio Cuns o sábado 29 de novembro.

 

Toda unha celebración da creatividade feminina en múltiples disciplinas artísticas coa que buscamos tamén ofrecer referentes en espazos moi diversos a mozas que sintan o impulso de crear, sexa na música, no teatro, na pintura, literatura, videocreación…
 

 

O ciclo Elas Son Artistas regresa a A Coruña para continuar reivindicando o talento feminino

Te puede interesar