O Centro de Investigación TIC da UDC recibe o Premio Nacional de Enxeñería Informática

O Centro de Investigación TIC da UDC recibe o Premio Nacional de Enxeñería Informática

Talentos Inclusivos, o programa colaborativo posto en marcha polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC), e Aspace Coruña vén de recibir o recoñecemento por parte do Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría de Informática de España que, nesta primeira edición, outorgoulle o premio nacional na categoría “Humanismo e Compromiso Social”.  O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, quen participou onte no acto de entrega, xunto co reitor, Julio Abalde, na Real Academia de Enxeñaría en Madrid, agradeceu este recoñecemento, que, segundo dixo “vén premiar a esencia do proxecto e tamén o labor dun centro, o noso, que traballa e evoluciona conectado coa sociedade e as súas necesidades”. 

 

Foto 2 Premio CITIC UDC
Foto 2 Premio CITIC UDC


“Talentos Inclusivos é un chamamento dobre. Por un lado, ao talento e as vocacións científicas no ámbito das TIC de estudantes de ESO e Bacharelato e, pola outra, á darlle visibilidade á discapacidade, atendendo algunhas demandas en materia tecnolóxica, neste caso particular ás das persoas usuarias de Aspace Coruña”, engadiu o director do CITIC na súa intervención ao recoller o premio. 


O proxecto
O programa Talentos Inclusivos é un proxecto posto en marcha polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña e Aspace Coruña e que conta co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Innovación, a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña. Como novidade, durante este curso escolar, o proxecto, centralizado ata o de agora na provincia coruñesa, estendeuse a toda Galicia ao contar coa participación de alumnado de Ourense.  As rapazas e rapaces (máis de 200 na edición 2022-2023) traballan xunto coas persoas usuarias de Aspace Coruña para buscar solucións tecnolóxicas a necesidades tales como a fabricación dun pulsador para abrir a porta principal, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas ou xogos tradicionais adaptados.  

 

Os premios

Os Premios Nacionais de Enxeñaría en Informática buscan fomentar o prestixio da profesión nun momento no que a tecnoloxía se volveu un elemento fundamental e vai camiño de converterse nunha infraestrutura básica na sociedade dixital. Coas súa creación, o Consello Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría en Informática de España pretende recoñecer o traballo dun total de nove persoas, empresas ou institucións que achegan a distintos ámbitos da sociedade desde a enxeñaría en informática. Así, ademais do CITIC tamén foi recoñecido o traballo de Asunción Gómez-Pérez, vicerreitora da Universidade Politécnica de Madrid, recentemente elixida como “cadeira Q” da Real Academia Española. Entre os seus méritos, para lograr o premio profesional, enxeñeira informática, atópase o seu gran labor na adaptación da lingua española á intelixencia artificial. Tamén recibiu o galardón Mario Piattini, enxeñeiro informático, polo seu papel tan relevante na investigación na enxeñaría de software e de sistemas.

 

Pola súa banda, a app O meu #Cartafol Cidadán, levada a cabo polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital fíxose co galardón a mellor proxecto público, mentres que o labor de ArcelorMittal foi merecedor do mellor proxecto privado. Na categoría de divulgación dixital, Karina Gibert conseguiu o premio, mentres que o despacho de peritos informáticos de Eugenio Picón foi o gañador do premio “Empresa ética”. Completa a lista de galardoados Conxi Pérez Andreu, que consegue o premio “Emprendimento, persoa emprendedora”, mentres que OK Ticket leva ese mesmo galardón na modalidade de empresa.

O Centro de Investigación TIC da UDC recibe o Premio Nacional de Enxeñería Informática

Te puede interesar