Entrevista CTV
Antón Lezcano (Ferrol, 1970) defínese como “CTV asimilado” e, máis concretamente, como “montealtista”. Tras vivir de neno na zona da praza de San Pablo, este deseñador gráfico e comunicador marchou ao barrio da súa entón moza, hoxe muller, Laura, “Levo máis de vinte anos en Monte Alto e síntome moito daquí, vai moito comigo –explica–; e teño de todo, non fai falta baixar á Coruña para nada; só para ir ver o Dépor e miña nai, que vive en Riazor”. Fuguillas, autónomo desde 1994, fan do Dépor e da chave, un deporte que, defende, “non é de vellos”, fixo un pouco de todo: desde empezar Medicina a guía turístico, pasando por programas de radio e televisión co seu inseparable Txury ata que atopou o seu, o deseño. Ten creacións como a raspa de sardiña co skyline herculino ou o logo de Turismo que todo o mundo recoñece e sempre cun selo personal e un toque profundamente coruñés.
Di que se considera CTV asimilado. En que consiste iso?
Nacín en Ferrol porque meu pai era xornalista. Estivo en ‘La Región’, por Europa e, estando de director de ‘Ferrol Diario’, nacín eu. As miñas lembranzas son marabillosas e nunca nego que son de Ferrol, todo o contrario.
E cando vén para A Coruña?
Eu son fillo da reconversión industrial. Cando, de repente, pechan os xornais e pecha todo, marcha todo o mundo de Ferrol, incluído meu pai. Ficha por un periódico local da Coruña, vén un ano antes e nós preparamos o desembarco. A miña entrada na Coruña foi marabillosa.
E como foi?
Eu entrei a vivir na praza de San Pablo, que na Sinfónica de Galicia non había nin estrada. Estaba a antiga praza de touros, todo lama, e as escavadoras atopaban capotes. Nada máis chegar, o primeiro día, metínme nunha focha ata a cintura, co camión da mudanza sen chegar e tiven que estar dous días na casa en ‘gayumbos’. Esa foi a miña entrada.
Cantos anos tiña?
Nove ou dez.
Como son as súas primeiras lembranzas da Coruña?
Lembro estar todo o día na rúa. Non había praza, era o que chamabamos, a ‘plazoleta’, que a xente caía dalí abaixo e rompía brazos. Eramos moitísimos nenos e nenas. Xa só no meu edificio eramos como corenta chavales.
Onde foi ao colexio?
Ao Fogar de Santa Margarida. Cheguei nun momento complicado, só había nenos, con orfos de mariñeiros da Costa da Morte, e moita delincuencia na zona... Lembro unha pintada no muro que dicía “Carabanchel”. Aí foi onde aprendín o koruño, pero a dolor. E o máis marabilloso que tiña o colexio era... a Compañía de María, tan cerca e tan lonxe (ri). Dous mundos tan distintos separados por unha rúa. Guapísimas, con aquel uniforme, gustábanme todas. Eu era moi baixiño (chamábanme Lezcanijo) pero xogaba ben ao básquet e tiven a sorte de que había profesores comúns de deportes e aos que xogabamos ao básquet, deixábannos ir xogar á Compañía. E teño moitísimas amigas alí.
E como acaba atopando o seu camiño profesional?
Toda a vida quixen facer Medicina pero en COU suspendín unha e coa media de setembro non daba para entrar ata marzo. Estiven como seis meses en Medicina pero había tres asignaturas que necesitaban prácticas que non tiña porque non estaba matriculado e todo parecían sinais. E toda a vida tamén me gustou a publicidade e o deseño, pero non o vía como unha forma de gañarme a vida. Metinme en Turismo e acabei a carreira. Fun guía do Museo de San Antón. Pero eu quería algo dinámico e o universo fixo que abriran na Coruña a carreira de Publicidade. Déuseme moi ben e no primeiro ano xa empecei a traballar. E atopei o meu.
Chama a atención esa maneira de falar de Monte Alto e da Coruña, como se fosen independentes.
Si, República Independente de Monte Alto. Eu facía camisetas con iso. Bueno, aínda as fago. Non por nada, pero é certo que chegas ao campo da Leña e, de aí para abaixo, non é nin barrio. San Andrés, Barreira, Real... non é barrio, barrio, é Coruña. Do Campo da Leña para abaixo non hai por que baixar. O único que nos falta é o estadio de Riazor.
Que torpeza non ter feito o estadio aquí en Monte alto, non?
É que o terían que ter feito aquí. Onde están os campos Arsenio Iglesias. Fas un estadio aí e flipas. Non é broma. Temos: un Patrimonio da Humanidade, o cemiterio, Policía, gasolineira, estacións de bicis as que queiras, a catedral de Santo Tomás (ri), un balón de Ouro, don Luis Suárez, museos (a Domus e a Casa dos Peixes), praias (a do Areal, mal chamada As Lapas, e Santo Amaro), un club social, como é o Club do Mar, máis toda a oferta de hostalería, o solpor máis bonito de toda a cidade...
E o do monte de San Pedro?
Se das a volta aos cañóns. Pero o seu é velo nas Lagoas, cunha caña. Total, que son montealtista.
E que bota de menos cando non está aquí?
O mar. E o Dépor. E o cheiro a mar, a algas. E, aínda que pareza mentira, ese vento que nos deixa a todos ‘tarados’, que é marabilloso.
En serio?
Si, porque dá brisa, que xa non é que teñamos un clima estupendo, é que ese nordés é o que fai que esteamos fresquiños. E que teñamos que baixar coa chupa no brazo colgada, que é algo moi coruñés tamén.
E que cousas non lle gustan?
Que se está perdendo a esencia galega. Está derivando nunha cidade máis, globalizada, sen identidade propia. Antes tiñamos tascas, bebiamos en cuncas... Os pubs non teñen personalidade, podes estar aquí ou en Barcelona. Non soubemos preservar a nosa identidade cando a tiñamos tan absolutamente marcada. O Fornos, o Piote, o Piorno... E antes viviamos de costas ao mar, agora parece que nos abrimos un pouco máis pero tampouco valoramos vivir co mar. Parece algo para os que teñen barco no Náutico.
Hai algo importante do que non falamos: do Deportivo.
A primeira vez que fun ao fútbol na miña vida foi en Ferrol, con cinco anos, nun Racing-Ourense pero, ollo, para animar ao Ourense. Cunha señora mítica, Concha, que iba cun puro e dous ‘platillos’. Cando cheguei á Coruña, os domingos, cando xogaba o Dépor, poñíaste na porta e, cando pasaba un señor, entrabas con el gratis. No Masculino, iamos facer ximnasia ás pistas de Riazor e vía as camisetas do Dépor alí colgadas. Riazor era súperaccesible.
Cal foi o seu primeiro partido?
Un Dépor-Palencia, con p, e despois veu a traxedia do Raio Vallecano, un golpe moi duro, nivel penalti de Djukic. Eramos dez mil e o barquilleiro, non había animación. Había unha peña que se chamaba Barrio Sésamo pero nós eramos máis chorbitos e fundamos ese acople de Barrio Sésamo que foi a escisión de Riazor Blues. A sorte foi que outra vez o universo aunou todo: Lendoiro, os brasileiros, Arsenio.. Orden, talento e Estrella Galicia. E xa está
Churros de Bonilla ou churros do Timón?
Nin un nin outro, no me gustan os churros. Non son nada de doce e, se os tomo, son de superstición en Fin de Ano. Dos que me poñan. As dúas son grandísimas empresas coruñesas.
Xardíns de Méndez Núñez ou monte de San Pedro?
Monte de San Pedro: mar, aire, apertura, anti claustrofobia.
Rúa da Estrela ou rúa da Barreira?
Rúa da Barreira, pero a Estrela perdeu. Ía moitísimo cos meus pais e cheiraba a calamares, cheiraba a Coruña. Iamos moito porque había futbolíns e unha boleira pero agora non me di nada.
Bebe auga de Emalcsa ou embotellada?
Da traída sempre. Excepto se estou fóra da Coruña que lle meto ás outras porque non quero escarallar as vacacións (ri).
Praia de Riazor ou praia do Orzán?
Matadero. Digo por achegarme á baía. Orzán e Riazor parécenme praias sobrevaloradas. Pola area, ese caolín que se crava nos pés... Matadero seguramente sexa a que conserva máis esa area e é un recunchiño máxico.
Percorre a cidade a pé ou motorizado?
Normalmente, vou andando pero xa digo que á Coruña non baixo. En Monte Alto móvome andando. Sempre. Fago aproximadamente dez quilómetros diarios andando. E son de BiciCoruña a dolor, gran traballo con BiciCoruña, e o coche teño que levalo cando levo os nenos a adestrar, a Elviña, á Grela ou para levar paquetes grandes. Pero normalmente andando.
É máis de xeados tradicionais, como os da Ibi ou a Colón, ou de sabores máis modernos?
É que non me gusta o doce... Unha vez probei uns de neno en Ourense, no paseo, que me fliparon, que era de nata e botábanlle canela por riba. E despois, os de Ramos, de Ferrol, de mantecado eran bárbaros. E hai unha cousa marabillosa que fan en Portugal, coronel, que é un xeado de limón cunhas gotiñas de vodka. Ese si que podo tomalo.
Prefire unha verbena ou un concerto?
A pesar de que os concertos gústanme moito, non hai nada comparable a unha verbena. Tes a cercanía da música, da familia, da comida, da bebida e aunalo todo. Nun concerto non.
Entroido ou San Xoán?
O San Xoán. É a festa que me fai pasar o inverno rápido e chegar a decembro, no que eu chamo San Xoán do inverno, e dicir: Buah, só quedan seis meses para San Xoán. Que, por certo, habería que facer iso do San Xoán de inverno... Entroidos hai moitísimos, e o de Monte Alto está moi ben, pero como o San Xoán da Coruña non hai.
Di máis chorbo ou neno?
Digo neno a dolor. Aparte dígoo moitísimo. Tamén o dicía Arsenio. Sáeme xa desde o cole. Chorbo é un pouquiño máis ‘mccoy’, pero neno é cariñoso, de cercanía e de riquiñez.