Ana Louzán: “A xente que chega de África está acostumada a falar varias linguas e ten un alto nivel cultural”

Ana Louzán: “A xente que chega de África está acostumada a falar varias linguas e ten un alto nivel cultural”
Ana Louzán, na sede de Viraventos, cun cartel explicativo sobre o ámbito de traballo | Javier Alborés

Non poden deter o vento, pero si construir muíños. Baixo esa filosofía naceu en 2007 Viraventos, unha ONGD adicada a dar acollida e orientación aos colectivos inmigrantes chegados a Galicia. A súa responsable de acción social Ana Louzán (Lugo, 1977) está orgullosa dun traballo que, segundo a última memoria activa, da soporte a 2.586 persoas. Porque sobre todo trátase de persoas axudando a persoas.

 

¿Como se desenvolve unha asociación como a súa respecto ás mensaxes de odio? 
En Galicia non nos está a afectar, porque non hai representación de partidos xenófobos. Non estamos a notar demasiada negatividade social. O noso é un traballo cunha poboación moi asentada na cidade. Por exemplo, coa escolarización da infancia, temas de libros ou comedor,  como podería precisar calquera que vaia a vivir a Alemania. Nos últimos dous anos estamos a traballar cada vez máis con primeiras acollidas, con diferentes nacionalidades de Sudamérica que chegan por primeira vez á cidade. .

A Coruña é a cidade onde ninguén é forasteiro... 
Ten unha das mellores redes de servizos sociais. Aínda que se pode protestar, estamos a anos luz de outras. Entre todos facemos que sexa unha cidade de acolida.  

 

¿Perciben rexeitamento nalgún sentido? 
Depende das nacionalidades. Hai mensaxes de odio á poboación do Magreb, con influencia dos medios de comunicación, pero nos barrios nos que vivimos e traballamos non hai esa mensaxe de odio. Non existe esa sensación. Traballamos cun perfil moi claro: Muller, migrante, que ven con nenos pequenos. Achégaste ao centro do cidade e hai unha liña invisible con miradas que non sabes onde van, maior presión policial... ao final si que notamos que esas liñas imaxinarias.  

 

¿É un tema de educación? 
Na escola, os nenos e nenas si que se enfrontan a problemáticas de racismo menos disimuladas. Hai uns anos tiñamos un programa que se adicaba á adolescencia e moitos, de procedencia africana, manifestaban que na escola habitualmente sufrían. A nós pode asustarnos, pero eles incluso o tiñan normalizado.

 

¿De onde ven a motivación para unirse a unha asociación como Viraventos? 
Non sabería dicir de onde ven, pero empecei hai moitísimos anos con voluntariado e fun quedando. Tódalas persoas de Viraventos temos algún vínculo con África.

 

¿Cales son os ámbitos de acción máis necesarios? 
Hai un problema moi grave co tema de vivenda, especialmente en colectivos vulnerables. A xente non lles aluga nin pisos compretos nin habitacións. As prazas nas casas de acollida son escasas. Conseguir o acceso ao padrón municipal é algo preocupante.  Se ti vas a Alemania, non controlas o idioma e necesitas acceso á sanidade ou praza na escola tamén necesitas dun Viraventos.

 

Falar de ilegal non é un termo que lles guste demasiado... 
O termo é situación administrativa irregular. As persoas non son ilegais.

 

¿En que medida inflúe a procedencia para a integración?
De África chega pouca xente de nova acollida, ao contrario do que se ve nos medios. Son familias reagrupadas e xente acostumada a falar varios idiomas, cun alto nivel cultural na súa maioría.

 

¿Como se desmonta a relación entre inmigración e delincuencia? 
Non tivemos nin o primeiro caso que fora detido por un delito. A xente ten que esperar tres anos desde o padrón para obter arraigo social, pero se tes un delito previo non hai xeito. E no caso de que teñas un permiso de traballo non se renova. É algo que teñen súper interiorizado. A maioría tenta escapar como poida de calquera tipo de conflicto.

Ana Louzán: “A xente que chega de África está acostumada a falar varias linguas e ten un alto nivel cultural”

Te puede interesar