Alfombra vermella en A Coruña para dar a benvida a Castelao, antes de ser Castelao

Cantones Cines vestiuse onte de gala para a preestrea da película ‘Antes de nós’
Alfombra vermella en A Coruña para dar a benvida a Castelao, antes de ser Castelao
Xoán Forneas, Ángeles Huerta, Zaza Ceballos, Cris Iglesias e Pepe Coira, na alfombra vermella | Pedro Puig

Este venres chega á gran pantalla a nova película dirixida por Ángeles Huerta, ‘Antes de nós’, unha cinta que aborda a vida de Castelao e a súa muller, Virxinia, antes de ser o Castelao do que gardamos imaxe na actualidade, o Castelao da xeración Nós. Pero onte, a película viviu unha primeira festa, con alfombra vermella, cunha preestrea en Cantones Cines.

 

Á cita de onte acudiu o equipo da película, capitaneado pola cineasta Ángeles Huerta, o guionista Pepe Coira e a produtora Zaza Ceballos, ademáis dos actores Xoán Fórneas e Cris Iglesias, que para a ocasión póñense na pel de Castelao e Virxinia.

 

Pero esta festa de presentación contou tamén con persoeiros da cultura galega. Foi o caso das Tanxugueiras, Mercedes Peón ou De Ninghures, no eido musical, Esther Estévez, Blondiemuser, Totakeki, Prado Rúa ou Leti da Taberna no da comunicación e a creación de contido e Margarita Ledo como unha das representantes do propio eido audiovisual.

 

Tamén estivo presente, entre outros representantes institucionais, o conselleiro de Cultura, José López Campos, que puxo en valor “a implicación da produtora galega (Zenit TV) cos nosos persoeiros máis ilustres como fixo xa antes de Castelao con Juana de Vega, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán”.

 

 

 

A película

 

‘Antes de nós’ ambiéntase nos mesmos lugares que pisou Castelao durante o seu percorrido vital. Pero, ademais, a película recrea tamén alguns dos debuxos máis famosos de Castelao, como ‘Miragre’, ‘Cruceiro’ ou algunhas das creacións que formaron parte do álbum ‘Nós’.

 

Desde o venres, a nova longametraxe de Ángeles Huerta, que sucede á aclamada ‘O corpo aberto’ (gañadora de varios Mestre Mateo), poderase ver nas grandes pantallas. No caso da Coruña, poderase desfrutar nos mesmos Cantones Cines con catro primeiras proxeccións. 

Alfombra vermella en A Coruña para dar a benvida a Castelao, antes de ser Castelao

Te puede interesar