Da evolución

|

Celebramos que fai 150 anos publicouse a famosa obra de Charles Darwin a Orixe do Home (1871). Unha obra que asentou a idea da evolución, e popularizou aquelo da loita pola supervivencia e da famosa adaptación ao medio. Pero nalgún momento esta lei universal debeu torcerse, senón non se entenden as barbaridades inexplicables que realizan membros, formados, informados e cultivados, deste xénero humano. As chamadas Corona-festas ou Corona-Kits, realizadas coa intención de infestarse do virus e evitar así poñerse a vacina, son un claro exemplo. Isto non ten nin explicación coherente, nin perdón de Deus. Están presentes en Alemania, Austria, Italia, Holanda, Arxentina... en demasiados lugares como para non pensar en que un certo brote de papanatismo e ignorancia supina, chegou para quedarse. Levamos séculos coñecendo lendas, supersticións e profecías, que alimentaron os libros de Erich Von Daniken e as teorías intervencionistas das culturas alieníxenas, pero estes episodios de traxicomedia, xunto coas decisións frívolas e irresponsables de Bolsonaro en Brasil, mesmamente, non teñen doada explicación. Que a ignorancia e a estupidez matan, é un axioma de probado cumprimento. Somos testemuñas a diario dos excesivos riscos, poñendo a vida en perigo, simplemente para conseguir likes. Deberíamos conxugar máis o de aporta ou aparta. O equilibrio das sociedades está intimamente supeditado á responsabilidade individual dos seus membros. Tamén que un dos logros colectivos foi chegar a ter sociedades onde o envellecemento é unha proba de adaptación, superación e supervivencia, grazas á ciencia e aos avances da medicina. Pero en todo, tamén na evolución, hai momentos de paréntese. Descubrimos que 150 anos despois, esta obra está de plena actualidade. Estes episodios son a demostración práctica daquel outro principio de Darwin, de que tan só os máis fortes sobreviven.


Escoitarte ten a forma do universo –dixo El– un silencio de lámpada prendida na soidade morna dunha tarde. Sentirte ten a elocuencia de refuxio dun abrazo...

Da evolución