Tanxugueiras: “Estamos aquí grazas a mulleres como Mercedes Peón”

Tanxugueiras, nunha sesión de fotos dentro do videoclip “Figa” | rocío cibes
|

Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, o trío Tanxugueiras, chegan hoxe ao Ágora (20.00 horas) como peche do festival de artes inclusivas Festigual.


Rematan unha longa xira no Festigual. Como se presenta 2022?

Esta é a última fin de semana dunha xira na que nos colleu unha pandemia polo medio! Foi complicado, pero conseguimos chegar ata aquí. Estamos moi contentas por poder presentar ante o público da Coruña os nosos temas de “Contrapunto”. Para o ano que vén presentaremos o terceiro disco, no que levamos traballando desde 2020, e que incluirá temas que o público xa coñece, como “Midas” ou “Figa”.


Esperaban a resposta do público co tema Eurovisión?

O da enquisa de Eurovisión Spain colleunos en plena xira. Estamos moi agradecidas de que a nosa música chegue a moitos recunchos diferentes e que se comparta que tanto o noso instrumento, a pandeireta, como a nosa lingua, o galego, merecen ter representación coma outras músicas. O de Eurovisión axudou a espallar entre novos públicos, pero nesta xira fixemos máis de 90 concertos por toda Galicia e outros puntos da península; e xa co primeiro disco fixemos máis de 100. Temos un directo potente, elaborado, no que conectamos moito co público, especialmente coas xeracións máis novas, e xa esgotamos entradas no inicio da xira na Capitol e outros auditorios.


Son conscientes de ser parte da renovación da música en galego?

Somos mulleres do século XXI e é normal que a nosa música, e a nosa visión da música galega, teña influencias daquelas sonoridades coas que nos identificamos, escoitamos e bailamos. Estamos aquí porque outras moitas músicas abriron camiño antes. Pensamos en Mercedes Peón, en Leilía, e outras moitas mulleres que puxeron no centro a pandeireta e o noso canto, o noso baile, a nosa identidade. Mais tamén somos parte desa renovación que está a xurdir xunto a Baiuca, Rodrigo Cuevas e moitos outros.


Tiveron obstáculos polo xénero?

Como calquera muller nova que vive nun sistema no que aínda convivimos coa desigualdade. Nós, ao estar en escenarios, temos o deber de ser altofalantes da reivindicación.

Tanxugueiras: “Estamos aquí grazas a mulleres como Mercedes Peón”