Van alá dezaseis anos nos que, cada terceiro xoves do mes de novembro, no ámbito académico, escolar e do conxunto da sociedade sensíbel ao coñecemento humano, por iniciativa da Conferencia Xeral da UNESCO celébrase o Día Mundial da Filosofía. Ao establecelo, esta institución que é a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, interesou promover no ámbito mundial unha cultura de debate filosófico que respecte á dignidade das persoas e a diversidade individual para fomentar o intercambio investigador e a abordaxe de problemas globais. Todo iso, malia que esta disciplina foi, e aínda é, unha fonte do saber considerada pouco útil. Con todo, adoita asumirse que a importancia e o prestixio desta disciplina radican na súa función de creación de pensamento, especialmente o crítico, á hora de dar resposta as grandes preguntas da vida. Polo tanto, utilidade social, técnica e cultura. Sen dúbida.
Velaí pois a cerna da reivindicación que marca esta conmemoración, no ámbito estatal, na que profesorado e alumando de filosofía veñen a presentar os centos de miles de sinaturas recollidas nunha desas plataformas da rede de internet para causas de xustiza social, neste caso mobilizándose contra a nova reforma educativa que prepara o Goberno, pola “expulsión” da filosofía na educación secundaria. Movemento activo que se explica porque “a única materia dedicada ás grandes preguntas da vida volve estar en perigo, e os profesores e profesoras non pensamos resignarnos ante un retroceso tan grande para a educación das novas xeracións”. Teñen máis razón que un santo ou unha santa que, aínda sendo moitísimas menos no santoral católico, habelas hainas. É innegábel a falta de motivación e inquietude polo universo que nos rodea, especialmente manifestada nos ámbitos da mocidade sometida a ditadura dos aparellos e funcións das novas tecnoloxías que todo dan empaquetado, sen campo para reacción alternativa.
Precisamos abrir a mirada e non ficar nunha visión reducida do mundo na que a contorna propia é a única realidade posible. Recortar a filosofía significa minimizar o ensino do pensamento crítico e, dise xeito, empobrecer o sistema democrático. Implica impoñer un modelo social de individuos submisos. Algo que non se pode permitir. Lembremos que a filosofía ensina a cavilar, potencia o pensamento, a nosa alma racional, o puramente humano; e por iso, debemos coidala. É o camiño que fai máis libres ás persoas; tamén a que nos fai mellores, e máis felices, porque nela aniñan os valores da xustiza, do ben e da verdade. Si, filosofía para saber de onde vimos e a onde imos.