Cumprindo o programa

Facer posible o que semella imposible é unha das tarefas de quen se dedica á xestión pública. Esta semana Inés Rey demostrou outra vez que se pode avanzar malias dificultades, e que é posible dotar de novos servizos a un barrio que xa tiña case perdida a esperanza. Haberá centro de saúde en Santa Lucía e haberá tamén novo mercado e equipamentos para uso público. Haberá unha renovación urbana exemplar nun lugar que o precisa.


Santa Lucía era un compromiso coa cidadanía e os compromisos están para cumprilos. Hai moito tempo que o centro de saúde de Federico Tapia non reúne as condicións para o que foi creado. Había que darlle unha solución e, unha vez máis, buscouse desde o Goberno municipal máis alá das competencias propias, competencias das que os concellos carecen no eido sanitario.


Esta semana a alcaldesa da Coruña asinou co conselleiro de Sanidade o convenio que permitirá aos cidadáns da Falperra e da súa contorna contar ao fin non cunhas instalacións axeitadas. Materializamos un compromiso do programa, e facémolo mediante o diálogo e demostrando que é posible chegar a acordos con forzas políticas distintas cando se trata de ofrecer servizos aos cidadáns. O diálogo, ao final, demostra de novo que é unha ferramenta esencial na xestión pública.


Froito do mesmo espírito e da mesma capacidade de interlocución, a cidade contará tamén cun renovado hospital de referencia co anunciada ampliación do Chuac. Do diálogo con outras Administracións proceden tamén solucións como a que A Coruña ten dado para desbloquear a situación do porto, coa construción do tren a Langosteira como principal investimento na cidade en décadas.


Non é pouco no actual escenario político ter a valentía de dialogar, mesmo de recoñecer os acertos que poida ter quen defende unha ideoloxía oposta. No fondo, trátase de cumprir coa cidadanía que nos escolleu para servila, trátase de buscar os medios que axuden a construír unha sociedade mellor.


Para iso é preciso dialogar, e é preciso tamén ter claro o camiño a seguir, sen desviarse dos obxectivos trazados. Só así saen adiante os grandes proxectos, só así é posible cambiar o rumbo dun territorio levándoo a un mellor porto.


Para iso non hai ferramenta máis potente que a palabra, mais é preciso facer bo uso dela. Hai quen a emprega para sementar discordia e crispación, e hai quen a emprega para chegar a acordos e buscar puntos de encontro dentro das lóxicas diferenzas. Na Coruña temos demostrado cal é a nosa opción, e temos demostrado tamén un feito non menos relevante: que a palabra está para cumprila. Con Santa Lucía, Inés Rey volver cumprir. Un paso máis cara unha cidade mellor. Seguimos a avanzar.

Cumprindo o programa

Te puede interesar