Carsten Moser analizará as reformas en España na Mostra do Ensino Galicia

Os actos celebraranse en Expocoruña do 11 ao 14 deste mes patricia g. fraga
|

Carsten R. Moser, presidente da Cámara de Comercio de Alemaña en España e patrono da Fundación Bertelsman pronunciará a conferencia inaugural do Congreso \“Formación e competencias da nova sociedade\”, dentro da Mostra do Ensino Galicia 2012, eventos ambos que organiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O encontro desenvolverase do 11 ao 14 do presente mes de abril en ExpoCoruña, en horario de 10 a 20 horas.

O experto alemán en asesoramento a empresas e institucións falará da situación económica no noso país, no contexto de crise internacional, e dos factores que definen a competitividade do sistema produtivo español. Abordará así mesmo as reformas que, na súa opinión, debe levar a cabo España e centrará parte da súa intervención na importancia do capital humano e nas competencias profesionais que son precisos para acadar unha correcta inserción no mercado laboral actual.

Personalidade > Carsten Moser, actual vicepresidente da Fundación Euroamérica, sempre estivo vinculado a Galicia e, de feito, doutorouse cun traballo sobre a importancia do turismo para o desenvolvemento económico de España, foi correspondente na península do semanario Die Zeit e conselleiro delegado e editorial de G+J España Edicións.

O xongreso, enmarcado na Mostra do Ensino, abordará, en catro xornadas temas relacionados coa FP, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), os idiomas, a convivencia nos centros educativos e a atención á diversidade. O primeiro día intervirá tamén Dorlies Radike-Thiel, encargada do departamento educativo do concello de Berlín, que falará sobre \“A formación dual en Alemaña\”. Ademais, desenvolveranse senllas mesas redondas sobre o papel dos centros integrados de formación profesional na cualificación do capital humano e sobre o panel \“Aprender a emprender: xeración de valores para un novo modelo económico\”, na que participarán o presidente de Blusens, AJE Galicia, Cluster TIC de Galicia y director xeral de Imatia.

Na segunda xornada, dedicada as TIC, o profesor da Universidade Ramón Llull, Miguel Angel Prat, falará sobre o tema \“Motivación, TIC e xestión de cambio\”; a profesora Dolors Reig, da Universitat Oberta de Catalunya, ocuparase das \“Redes sociais na educación\”, mentres a Consellería e Cultura e Educación presentará a súa rede social \“Redeiras\”. As sesións completaranse cunha mesa redonda sobre \“Integración das TIC na práctica educativa\” e con obradoiros prácticos.

O venres 13, o director executivo de Vaugham Systems, Richard Vaugham, pronunciará unha conferencia sobre o papel do profesor como catalizador da aprendizaxe, e o director xeral do Ministerio, Xavier Gispert desenvolverá o tema \“As linguas estranxeiras en España: unha visión de futuro\”.

Logo dunha mesa redonda sobre plurilingüismo en Galicia, a xornada rematará coa presentación das boas prácticas sobre o plurilingüismo nos centros educativos.

Na sesión matinal do sábado terán lugar, finalmente, dúas mesas redondas sobre os temas \“Convivencia, un labor de todos\” e \“Diversidade nas aulas: a inclusión como oportunidade para o sistema educativo\”. Na primeira participarán o xuíz Vázquez Taín, a avogada Beatriz Seijo, e os presidentes das asociacións de pais de alumnos, Confapa e Congama, Virgiliio Gantes e Jorge Villarino, respectivamente. Na segunda tomarán parte Anxo Queiruga, presidente de Cogami; Jose Abraldes (ONCE), Delmiro Prieto (Down Galicia) e Dolores Martínez (Asociación de Altas Capacidades), e Manuel Losada, director do Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ferrol.

Carsten Moser analizará as reformas en España na Mostra do Ensino Galicia