O salón do cómic esténdese a outros espazos para tocar novos públicos

|

Porque a banda deseñada en Galicia é xa unha realidade, aseguraba Miguelanxo Prado, a 15 edición do salón Viñetas desde o Atlántico cociña unha ensalada entre os talentos do país e autores de primerísimo nivel como Rubén Pellejero, Guéra ou Quitely. O tebeo expándese este ano cun programa de obradoiros que se detén no Fórum e no Ágora para tocar a públicos como o infantil. O responsable destas actividades, Manel Cráneo, falaba na inauguración da importancia de competir coas videoconsolas con 48 talleres e seis profesionais ao fronte de 200 rapaces.

O director Miguelanxo Prado dicía que a banda deseñada galega é xa unha realidade

Deste xeito, tratarán de incentivar a ler historietas e quen sabe se algún día os que aprenderon que os bocadillos se fan con algo máis que salchicón acaben por ser debuxantes de cómics. Ademais dos encontros profesionais, o evento complétase con murais ao aire libre de Andrés Meixide, Pinto e Chinto e José Domingo e unha versión teatral o venres que respirará da estética comiqueira e é obra de Ignacio Vilariño.

O director de orquestra comentaba pola súa banda que nestes tempos de crise onde pintan bastos, iniciativas coma esta son máis importantes aínda polo que aproveitaba a presenza de políticos no acto para pedirlles a súa axuda nun cumpreanos que leva ao salón á adolescencia sendo un referente do estado.

Pola súa parte, Carlos Negreira aseguraba que a cultura formaba parte do que desde María Pita querían facer que é \“abrir a porta, saír á rúa e facer unha cidade en cor\”. O alcalde insistía na necesidade de innovar e tirar da xente nova para incorporarse definitivamente no século XXI. Neste aspecto, destacaba o feito de que a cidade no mes de agosto fervía en actividades e que o salón contribuía a isto.

bartolomé seguí

Ateigada de heroes e personaxes entrañables, Viñetas desde o Atlántico recibe hoxe a visita do mallorquín Bartolomé Seguí que atenderá aos seus devotos ás 19.45 horas no Kiosco Alfonso. Miguelanxo Prado falaba na presentación da evolución do autor que aparecía na escena do tebeo en 1984 na revista \“Metropol\” e paseábase máis tarde en \“El Víbora\”, onde debuxaba as series \“Lola y Ernesto\” e \“Héctor y Rita\” para converterse nun auténtico cronista da Barcelona dos 90.

O Fórum e o Ágora concentrarán 48 obradoiros infantís sobre o tebeo

Despois de traballar para editoriais coma Santillana, SM ou Cruïlla e editar a primeira revista infantil de Baleares en catalán, Seguí recuperaba ao seu personaxe fetiche Simón Feijóo en 2001 e despuntaba en 2008 con \“Las serpientes ciegas\”, co que recibía dous premios no Salón del Cómic de Barcelona.

O último que se podía ver do debuxante foi \“Hágase el caso\”, sobre espías e co conflito balcánico de fondo, e a novela gráfica \“Historias del Barrio\”, sobre a xuventude de Gabi Beltrán. Os amantes do tebeo poderán dar un paseo no Kiosco pola súa obra que colinda cos orixinais de Guéra, Hooms, Rubén Pellejero e o galego José Domingo. Ao lado, Palexco ofrece unha retrospectiva de Frank Quitely e Batman, que está retratado por moitos dos lápices que tiveron a oportunidade de facelo. n

O salón do cómic esténdese a outros espazos para tocar novos públicos