Estima pola economía da rosquilla

A rosquilla, ese doce, cuberto de azucre derretido, tan característico da sobremesa galega nas romarías, é nomenclatura máis acaída para tratar o que no anglicismo que é moda no mundo tecnocrático e académico adoita chamarse “economía do donut”, unha posición teórica construída sobre a premisa baseada na rexeneración do planeta e a distribución do benestar para satisfacer as necesidades básicas do ser humano sen espremer os recursos limitados do planeta.


Boa escolla visual, a da súa autora, Kate Raworth, como símil para explicar cara a onde debe camiñar a humanidade e, por tanto, a economía: Unha rosquilla. Si, o bolo redondo, esponxoso, doce e cun buraco no centro, transformado na fórmula metafórica e científica para entender esta proposta estratéxica, radicalmente alternativa ao modelo de liña crecente do Produto Interior Bruto, criterio extenuante da incapacidade do sistema capitalista que xa non responde as necesidades do tempo actual, de emerxencia medioambiental co planeta Terra ao límite da súa supervivencia como espazo habitábel para a especie humana. Por iso, a teoría desta universitaria inglesa, cun decenio de antigüidade, singularidade no campo máis estendido da “economía circular” é, polos efectos da Covid-19, un modelo no que se pon foco e interese para atopar o benestar común; ese obxectivo desexábel dunha realidade na que todas a persoas deben ter cubertas as necesidades esenciais e, á vez, o planeta ten uns límites que non debemos cruzar.


Pensar o mundo doutro xeito. Escoller novos camiños con outras liñas de actuación que podan axudar, en tempos de pandemia, a desenvolver unha economía que rexenere a xeografía planetaria e distribúa mellor a riqueza. Un sistema económico con alma e corazón. No fondo, a lóxica céntrase nun crecemento sostible, inclusivo e con impacto social. E dicir, o que declara como necesario a ONU nos Obxectivos de Desenrolo Sostíbel.


Velaí, a Doughnut Economics Action Lab, creada para pasar da teoría a práctica, verá no territorio holandés de Ámsterdam a primeira proba desa estratexia que busca “unha boa vida para todos dentro dos límites naturais da Terra”, con medidas de sentidiño: Compartir, reparar e darlle nova vida aos produtos que conteñen materias primas, a comezar polos aparellos electrónicos; usar intelixentemente materiais de construción, con preferencia polos máis eficientes; desprezar menos comida, distribuíndo o excedente entre persoas necesitadas; e crear plataformas para compartir as cousas. Tómese boa conta da iniciativa. É garantía dun futuro máis xusto. 

Estima pola economía da rosquilla

Te puede interesar