Da nova soberbia

|

Xa case non se leva a reflexión sosegada. Nin tan sequera darse o tempo de maduración suficiente, para que todo acade as medidas e as texturas que precisan, para pasar de proxecto a realidade completa. Unha especie de febre de dalle para adiante, campa ás súas anchas nos dominios daquelxs que están convocados a xestionar decisións, e polo tanto futuros.


Hai quen pensa que arriscarse é un sinal que define aos audaces e que está audacia sempre se verá recompensada. De soberbias e ocorrencias están cheas as listas de baixas de empresas e partidos. Non sei se é a presa que nubra os sentidos ou a sensación de que todo flúe, as oportunidades pasan e, moitas veces, a realidade sucede sen contar con nós. Non podemos gardar a auga entre os dedos, por moita boa intención que lle poñamos ao intento.


Hai cousas que poden ser ou non, pero sempre precisaran medida, rigor, estrutura e tempo. Non podemos asaltar os ceos dunha tacada. É preciso parar, repousar e observar o escenario con altura para poder facer unha visión de conxunto. O éxito sen filtro nin visión crítica, sempre foi un mal compañeiro de viaxe. Acaba por crear seres cargados de soberbia, alonxados da realidade e practicantes convencidos do individualismo do eu, me, mi, comigo en singular. Temos exemplos dabondo.


Os novos partidos, que criticaban os vellos modelos do bipartidismo, seguen practicando e consagrando os hiperliderazgos. O incremento de soberbia provoca choque brutal coa realidade. Batacazo que alimenta a fuxida a novos proxectos, non ben calculados nin medidos, pero que alimentan o ego sobredimensionado de todxs xs imprescindibles. Despois farán un Rivera, o un Rosa Díez, ata que un mutis polo foro lles saque definitivamente da escena.


Non hai nada máis fermoso -dixo El- que deixarse convencer pola eternidade que promete a liña de tenrura dos teus ollos...

Da nova soberbia