Xurxo Fernandes tende pontes entre Galicia e o Mediterráneo con “Levaino!”

Xurxo Fernandes tende pontes entre Galicia e o Mediterráneo con “Levaino!”
O músico Xurxo Fernandes, nunha imaxe promocional

“Para min a relación de Galicia co sur e con Oriente é máis que evidente”. Así comeza a conversa co músico e investigador Xurxo Fernandes, que o vindeiro día 9 presentará no teatro Rosalía (20.00 horas) “Levaino!”, un traballo no que mestura as dúas vertentes creativas nas que leva toda a vida.


“Por unha banda, a de estudar e recoller a tradición oral galega, da que xurdiron proxectos como Radio Cos. Por outra, a de coñecer e difundir a música urbana das comunidades sefardíes de Oriente, das que bebe Jako el Muzikante. Esas facetas nunca se xuntaran pero reflíctense unha noutra”, apunta Fernandes, que califica o disco como “un xogo de espellos”.


O autor defende que a maneira de cantar ou tocar en Galicia está moi relacionada co Mediterráneo, “aínda que ese vínculo non estea posto en valor”. “Estamos máis cerca do que pensamos”, alega.


Tradición e exotismo

“Levaino!” achega unha visión nova sobre as músicas de raíz e de creación colectiva, “na que os sons máis arcaicos dunha Galicia primitiva mistúranse co exotismo oriental”, afirma o artista.


A tradición oral galega, acompañada dun instrumento representativo como é a pandeireta, é a base e o punto de encontro de creacións sonoras que se nutren doutras tradicións, acompañados de arranxos modernos e dunha instrumentación da man de Pedro Lamas, Rafa Morales, Roberto Comesaña e Rubén Montes –cos coros de Pan Sen Fron–.


Os doce temas do disco foron recollidos polo propio Fernandes en lugares como Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache ou Tel Aviv. “Irmando eses territorios e moitas veces é difícil saber cal é cal”, comenta.


“Levaino!” percorre diferentes paisaxes sonoras que empezan no Mediterráneo Oriental e rematan en Galicia. Tanto no disco coma no directo, Xurxo Fernandes acompañáse dunha banda que leva ao público a participar dunha divertida viaxe.


Panorama actual

Fernandes, optimista por natureza, sacou proveito ao confinamento. “Este contexto permitiume ter máis calma para levar adiante este proxecto. Como a todos, a pandemia serviume para estar máis tranquilo e levantar o pé do acelerador, así que tamén hai que verlle cousas positivas a isto”, sinala o autor.


O videoclip do primeiro sinxelo, “Levaino!” xa pode verse en Youtube logo da súa estrea o 22 de marzo, pero a primeira escoita total do traballo será no Rosalía. As entradas están á venda na praza de Ourense, nas taquillas do teatro o propio día da función e na web.


“Ás veces atopar o teu sitio é complicado, dá igual que esteas nunha aldea de Galicia ou en Nova York. ‘Levaino!’ persegue a idea de atopar a nosa identidade”, conclúe Fernandes.

Xurxo Fernandes tende pontes entre Galicia e o Mediterráneo con “Levaino!”

Te puede interesar