Converter o negro en branco

Segundo Núñez Feijóo e os deputados/das do PP no Parlamento galego, a resposta da Xunta e do Goberno central fronte ao desastre do “Prestige” foi a axeitada e, aínda máis, “as rías estaban recuperadas un ano despois e hoxe temos un 30% máis de capturas de peixe”. Coa firmeza que o din, habería que estar cheos de ledicia porque demoraran semanas en tomar cartas no asunto, e mesmo semella que sería positivo para a economía un novo naufraxio contaminante. Agora ben, a propia sentenza do “Prestige”, agora recorrida, ou que non se esixira o cumprimento total do cativo Plan Galicia, que pretendía compensar as consecuencias económicas, reflicte que a Xunta non estivo á altura das circunstancias durante e despois da traxedia.
En calquera caso, os galegos e galegas, sexa cal for a súa opción política, dificilmente poderán esquecer a impotencia dos mariñeiros e habitantes das nosas costas diante da marea negra, a falta de recursos, a inoperancia da administración, a organización espontánea e voluntaria de milleiros de persoas, unha parte delas vindas dende todos os recantos do mundo. O 29 de novembro de 2012, escribía o seguinte nun artigo no “Diario de Arousa”: “... tanto o Goberno central como a Xunta de Galiza seguen sen ser capaces de artellar medidas eficaces pra deter ou diminuír a marea negra despois de dúas semáns. Medidas que eviten a desfeita dunha gran parte da costa galega por moitos anos. Unha e outra vez teiman, mesmo en polémica con outros gobernos da Unión, como Portugal, en afirmar que a traxedia ten menos importancia da real”. Asentado nesta miopía, Mariano Rajoy restaba importancia ao afundimento do barco afirmando que as protestas eran esaxeradas porque só saían “unos hilillos de plastilina”.
Cando se cometen erros, o máis honesto é recoñecelos, e facer o imposíbel por non voltar a cometelos. Querer reescribir o pasado para converter o mal feito nun acerto non parece que vaia ter moito éxito, xa que os feitos a debate están moi achegados no tempo, tiveron  gran relevancia social e abrangueron de xeito directo a ducias de milleiros de persoas. Núñez Feijóo estase poñendo nervioso e quere converter o negro en branco.

Converter o negro en branco

Te puede interesar