Desemprego, solución estatística

OGoberno presidido por Rajoy seica está a punto de facer un milagre, nos vindeiros dous anos, xa que cun medre do PIB do 1-1,5% conseguiría rebaixar o desemprego en 900.000 persoas. Chama a atención que non se teña en consideración que a confrontación das potencias atlantistas con Rusia, o referendo de Cataluña, e o menor crecemento das potencias emerxentes, deberían afectar á baixa esta previsión. Ademais, para alén de que se fagan cálculos para un escenario moi optimista, as cifras de desemprego que se barallan son unha brincadeira estatística, dado que redución do número de parados/as non é sinónimo de xeración de emprego en igual contía.
A patronal rebaixa a creación de emprego en 2013 e 2014 a 320.000 persoas, ou sexa só 1/3 da prevista redución do desemprego. O enorme diferencial entre ambos conceitos é consecuencia da emigración, da saída de inmigrantes, e dunha situación demográfica que non permite repoñer as baixas por xubilación e accidentes que incapacitan para traballar. É dicir, que 2/3 dos parados/as menos que se contabilizarían a finais de 2015 serían consecuencia de decisións individuais estremas por mor da incapacidade do Goberno central e da Xunta de Galiza, para poñer remedio efectivo á desfeita do mercado laboral.
Aínda así, dirase que a creación de máis de 300.000 empregos ten a súa importancia, malia que se demoraría máis dunha década en dar solución a esta lacra. Porén, en realidade tampouco é así. Primeiro, porque tende a haber máis persoas ocupadas debido a que aumentou o emprego a tempo parcial, concretamente medrou do 10% ao 15% nos últimos anos. Isto significa un crecemento estatístico (non real) da ocupación en dous ou tres puntos. Segundo, no mes de febreiro, 2/3 do aumento da ocupación foi motivado polos autónomos. Algo que racha con toda lóxica, e que só é entendíbel pola substitución de emprego asalariado por falsos autónomos, para evitar a patronal o pago de indemnizacións e cotas sociais. En resumo, nas previsións hai moito de artificio estatístico (para condicionar as vindeiras eleccións?), e ademais as eivas que levaron á crise seguen pendentes de solucionar.

Desemprego, solución estatística

Te puede interesar