Amedida que avanzan as indagacións do xuíz, como consecuencia do accidente do tren Alvia en Angrois, vanse sumando máis motivos que o da imprudencia do maquinista, como xa destacabamos moitos/as nunha primeira ollada en artigos referidos á traxedia. Era pouco entendíbel que existindo tanta responsabilidade no maquinista non houbese un segundo conductor; tiña que estar valorada a hipótese dun mareo ou despiste, xa que as persoas non son máquinas, e mesmo estas fallan.
Ademais, sabemos agora que faltaban mecanismos de seguridade nesa parte do percorrido, como os de freado automático, e os existentes non estaban activos. Resulta evidente que se fixo por aforrar, a costa da seguridade dos pasaxeiros, se cadra pensando que non ía pasar ren, mais pasou. Sen dúbida hai responsabilidades de Adif e Renfe moi concretas porque tiñan que velar para que todo funcionara correctamente, e tamén políticas, porque alguén aprobou o proxecto definitivo e debía garantir que as cousas estivesen ben feitas.
Sabemos que a construción sofreu moitos atrasos por falta de recursos, e foi elemento de confrontación política entre Blanco e Feijóo, ate que un bo día seica todo estaba solucionado, había acordo no prazo e medios para executalo. A pregunta é: iso implicaba facer estes aforros tan perigosos?
O que eiquí escribe nunca tivo claro o AVE a Galiza. Aínda non sendo un entendido, estaba a cuestión da orografía do país. Ademais, tal como acordou o Parlamento galego por unanimidade, era prioritaria a mellora e extensión da rede interna galega e das comunicacións con Portugal, norte da Península e Madrid, especialmente no transporte de mercadorías, para favorecer a comercialización.
Terminouse primando o AVE, que logo resultou só nun tren de velocidade alta, que ademais cinguiuse exclusivamente ao transporte de pasaxeiros, e a mellora da rede interna foi parcial e dependente da liña a Madrid. Custes inmensos que non reforzan o tecido económico e social galego, senón que dan prioridade a un modelo periférico. Un exemplo máis de cousas mal feitas, como pasou coa Cidade da Cultura, e cuns custes multimillonarios. Así non é doado construír país.