GIÁP, DE PROFESOR DE HISTORIA A XENERAL

Acaba de morrer aos 101 anos un dos maiores estrategos militares das loitas de liberación nacional posteriores á Segunda Guerra Mundial. Refírome ao xeneral vietnamita Võ Nguyên Giáp. Este profesor de historia é unha persoa coñecida por todos e todas aqueles que palpitamos durante décadas polo que acontecía no lonxano Vietnam, na súa heroica loita contra as maiores potencias do mundo. Un home exemplar que traballou moi próximo á persoa chave neste proceso, Ho Chi Minh; cómpre engadir tamén Lê Duân, nomeado no ano 1961 secretario do Partido Comunista de VietNam.
Giáp non era un militarista, como se aprecia cando afirma: “a resistencia do noso pobo levábase a cabo en todos os eidos. Non só no aspecto militar, senón tamén no político, económico e cultural” (Lucha armada, fuerza armada; Vo Nguyen Giap, Nativa Libros; Uruguai, 1968), “En resumo, na formación dun exército moderno temos en conta o home e a arma, mais sempre consideramos que o home é o prioritario” (El hombre y el arma; Vo Nguyen Giap, Rosa Blindada, Arxentina, 1968). Sendo fiel á causa emancipatoria e ao socialismo, non por iso deixou de criticar actitudes que coidaba trabucadas: “Non se respectou abondo as crenzas das poboacións nas rexións con maioría relixiosa (...) todos os propietarios de bens raíces foron considerados inimigos dun modo mecánico, incluso aqueles que participaron da resistencia” (La guerra del Viet-nam; Georges Chaffard; CID; España, 1965).
Agora ben, para alén destes aspectos que reflicten o político, Giáp pasará á historia como o xeneral que dirixiu as tropas que derrotaron primeiro a Francia (1946-1953) e despois aos Estados Unidos e os seus aliados. Triunfos como os obtidos en Cao Bang (1950), e fundamentalmente Dien Bien Phu (1954), contra tropas francesas mellor armadas déronlle un inmenso prestixio. A intervención dos Estados Unidos no conflito abriu unha nova fase na liberación do sur de Vietnam, facéndoa máis complexa e sanguenta. Nela Giáp colleitou fracasos e triunfos, e ao final acadou a retirada estranxeira (1973) e a unificación nacional (1976). Era a primeira vez que Estados Unidos foron derrotados.

GIÁP, DE PROFESOR DE HISTORIA A XENERAL

Te puede interesar