Aforro antidemocrático

Despois de anuncialo unha e outra vez, o presidente da Xunta terminou por facer realidade a ameaza de presentar unha proposta para diminuír o número de deputados e deputadas no Parlamento galego. Seica deste xeito afórranse 5 millóns ao ano. É unha escusa, xa que sería máis lóxico que a Xunta reducise o gasto en publicidade, que no ano 2012 tivo un custe de 40 millóns, antes que nunha institución que representa a vontade popular (mesmo que moitas veces non sexa así).
Núñez Feijóo afirma que este recorte foi referendado pola maioría nas pasadas eleccións autonómicas. Non é a realidade, xa que o seu partido acadou o 45,72% dos votos cunha abstención do 36,2%, e só obtivo o apoio do 28,4% das persoas con dereito a voto. Polo tanto, o PP non ten detrás a maioría da sociedade, necesita do consenso parlamentar ou realizar un referendo.
Esta proposta só se entende porque desexa restar protagonismo ás institucións propias de Galiza, en coincidencia coa progresiva recentralización de competencias transferidas e a desprotección da lingua e cultura nacionais galegas. Hai un segundo aspecto; que se procure diminuír os efectos do desgaste do PP pola regresiva política desenvolvida durante estes anos. Aproveitaría ao seu favor o diferente valor do voto entre as provincias galegas, e a rectificación que fai a Lei D’Hondt dos resultados electorais privilexiando os partidos máis votados, xa que a reforma agudiza esta tendencia.
Diminuír o número de deputados/as do Parlamento fai evidente que para o PP esta institución carece de valor, xa que baixando os seus salarios tería conseguido o mesmo aforro, como propuña o BNG. É unha afirmación grave. Mais, non hai dúbida que é así, cando se lle dá máis valor a uns millóns de euros ao ano que a pluralidade e ao traballo que realiza esta institución representativa da vontade popular. Que outra conclusión se pode tirar? Cómpre reformar o Parlamento no sentido oposto; por exemplo: facendo do país unha circunscrición única, eliminando o tope do 5%. Ou sexa, garantindo que esta institución reflicta o mellor posíbel o sentir do pobo galego.

Aforro antidemocrático

Te puede interesar