A represión como alternativa

Amedida que se van coñecendo os contidos da Lei de Seguridade Cidadá, hai máis razóns para a rexeitar, polo que resulta comprensíbel que a oposición política sexa tan refractaria a esta proposta do Goberno de Rajoy. Nas primeiras informacións, indicábase un endurecemento das sancións, por realización de manifestacións que fosen consideradas como alteración da orde pública ou ofensivas cos corpos de seguridade ou coas institucións. Engadíase que as multas podían ser impostas pola propia policía, que así se convertía en xuíz e parte, deixando os cidadáns nunha situación, en principio, de indefensión.
Agora súmase outra novidade. Que os gardas de seguridade podan deter os cidadáns en espazos públicos e realizar labouras de vixianza nas prisións. De se aprobar esta proposta, daríase un paso grandísimo na privatización da seguridade da xente, que ficaría en boa medida en mans dos grandes grupos económicos. Calquera pode intuír que deste xeito, colócanse as persoas en situación desigual diante da lei. Dirase que isto xa acontece hoxe, abonda con ollar para casos como os que atinxen a membros da monarquía ou a banqueiros, para comprobar que non reciben o mesmo trato que un traballador/ra que protesta, ou participa nun incidente por un desafiuzamento ou dos afectados/as polas preferentes, porén con esta reforma dáse un salto cualitativo.
Algúns medios destacan que algunhas destas normas xa existen na Unión Europea, mais isto non significa que se trate dun avance social e político. Asemade, para os que fan da UE o modelo a imitar, dun modo acrítico, deberan en todo caso encetar por aquelas cuestións nas que os países do centro do sistema van por diante, por exemplo en salarios e servizos e prestacións sociais, e non naqueles aspectos máis regresivos e cuestionábeis. En todo caso, todas estas propostas que limitan os dereitos básicos de manifestación e protesta, de folga, ou que reducen o número de parlamentares e deforman a vontade electoral, son unha demostración de que se quere impoñer mediante métodos autoritarios o que non se consigue con argumentos e unha práctica que debería beneficiar á maioría social. Mal camiño.

A represión como alternativa

Te puede interesar