As propostas de organismos internacionais, da Unión Europea, e por suposto da patronal, pedindo novas medidas que rebaixen os salarios, as cotizacións sociais e as indemnizacións por despedimento, e permitan flexibilizar a xornada laboral ao antollo do empresario, non son arroutadas. A menos que coidemos que se volveron tolos ou uns irresponsábeis. É mais lóxico pensar que están facendo incursións verbais, sobre obxectivos que se teñen marcado, e comprobar cal é o nivel de oposición social neste intre. En función da resposta, darán os próximos pasos, xa dun xeito máis consistente, tanto eles como aqueles partidos sistémicos.
Este xeito de axer utilizase decote na estratexia militar, na política e no ámbito empresarial. O arrepiante é que neste caso causa o empobrecemento da inmensa maioría da poboación, e dá folgos á marxinalidade e que a natalidade diminúa a niveis dramáticos. Esta regresión, mesmo en momentos de crecemento das Bolsas, demostra a razón que ten Samir Amin cando caracteriza como senil está etapa do capitalismo.
Mais, non se trata só do que se pretende dende aqueles sectores que controlan a riqueza e o poder, senón tamén de cal é a resposta da maioría social a estas propostas e medidas regresivas. Choca que sexan tan fragmentadas e as folgas xerais tan esporádicas. Todo amosa que as dúas centrais sindicais de ámbito estatal seguen primando o pacto social. Unha postura difícil de entender xa que na práctica alenta esixencias extremistas da patronal, que a considera unha mostra da debilidade da clase traballadora, cando en realidade é unha derrota ideolóxica dunha parte importante da súa dirección sindical e política.
Neste contexto o sindicalismo antisistémico ten unha situación complexa, para facer alianzas que permitan ofrecer un forte bloque contra as medidas que implantan a lei da selva (en beneficio dos máis poderosos). Non abonda daquela con accións fragmentadas, cómpre unir os conflitos para lles dar continuidade e dimensión, a fin de conseguir un estado de ánimo favorábel e activo na maioría da poboación. Os métodos de traballo teñen que se axeitar á conxuntura.