A mobilidade como dereito

A Compañía de Tranvías da Coruña obtivo no último exercicio un beneficio por volta dos 4 millóns de euros, un lucro máis que considerábel para unha empresa que xestiona un servizo público. Ese beneficio privado está a resultar na mellora do benestar das veciñas e dos veciños? Desde o BNG pensamos que non. A lóxica da rendabilidade privada poucas veces leva aparelladas boas prestacións para as cidadás. A lóxica na que se sitúa o BNG é nidiamente outra: para nós, a mobilidade é un dereito social, nunca pode ser un negocio.

Hai un consenso social moi amplo a respecto de que as políticas de mobilidade precisan dunha profunda revisión nesta cidade. Hai case todo por facer. Non por acaso este foi un dos temas en que o BNG puxo máis o acento no Acordo de Investidura que asinamos en xuño pasado co grupo municipal socialista. Un acordo que, dixémolo entón e reiterámolo hoxe, está para ser cumprido, e que, alén do máis, pon deberes ao goberno local para os facer de contado, xa no primeiro ano de mandato.

Lembremos os pormenores. Acordamos co grupo municipal socialista darlle prioridade ao transporte público e pór o peón, non o coche particular, no corazón das políticas de mobilidade. Comprometémonos tamén en avanzar na accesibilidade no espazo público, para o cal sería ben contarmos co asesoramento do Grupo Accesibilidade Coruña. O BNG non se vai mover daí. No concreto, é preciso actuar xa e facelo en aspectos cruciais como a mellora do servizo de autobuses ou a regulación dos vehículos de mobilidade persoal, nomeadamente os patinetes eléctricos. Canto aos autobuses, as tarefas por diante non son menores: cómpre intensificar as frecuencias das liñas, ampliar o horario dos servizos (de forma que se axuste ás horas de entrada e saída dos traballos, para realmente incentivar o uso do transporte público), modificar o mapa de liñas e recuperar o carril bus.

E, por suposto, é moito hora de estudarmos a hipótese de camiñar cara á xestión directa deste servizo. Non temos ningunha necesidade de estarmos eternamente enfeudados aos intereses dunha empresa privada, cuxa concesión, polo demais, xa ten expirado e que se acha neste momento nunha sorte de limbo legal após a súa licenza ser prorrogada por espazo de dous anos por parte do goberno anterior. Unha compañía de titularidade municipal, ao non estar obrigada a obter lucros, socializaría os seus beneficios en forma de mellores prestacións para as cidadás. Ese é o horizonte ao que aspira o BNG. E desde logo fiscalizaremos a acción do goberno local para que tamén vaia nesa mesma dirección.

Non é moi alentador, a respecto da concepción que o executivo municipal ten da mobilidade, a exposición que puidemos ver estes días no Obelisco. Que pintan stands de Lexus ou Repsol nunha mostra sobre como debemos humanizar o noso tránsito polas rúas e calzadas da cidade? Do noso punto de vista, non pintan nada. As políticas de mobilidade, se se queren verdadeiramente transformadoras, teñen que se facer desde a máis absoluta independencia e, claro, non poden estar ditadas polos intereses de grandes compañías do sector automobilístico ou petroleiro. O coche particular, con independencia de que sexa convencional ou eléctrico, debe ser sempre o último da fila, por detrás do transporte público, a bicicleta ou mesmo do moi saudábel exercicio de andarmos a pé.

Hai modelos? Claro! Fai falta ir ao norte de Europa, aos países escandinavos, para atopalos? Non, en absoluto. Temos un ben pertiño de nós. Pontevedra. Nesa cidade, gobernada polo BNG desde 1999, as políticas de mobilidade, multipremiadas en distintos foros internacionais, teñen mudado radicalmente os espazos urbanos, para os pór ao servizo das persoas. Na Boa Vila mandan os peóns e o transporte público, non os coches. Non se trata de reproducir mimeticamente o modelo Pontevedra, porque cada cidade ten os seus problemas específicos e a súa fisonomía, mais si nos serve como paradigma dunha mudanza de fondo, dunha transformación que só é viábel se é o froito do diálogo entre o goberno local e a veciñanza.

Mudemos, pois, as políticas de mobilidade e mudaremos nun sentido positivo a cidade. E fagámolo desde xa.

A mobilidade como dereito

Te puede interesar