Última estación: o voto do medo

|

Ovoto do medo en Galicia forma parte dunha lenda negra que se estende polos pobos e que ten máis de negra que de lenda. A posibilidade dun cambio político axita vellos tambores de guerra que falan de torcer vontades, crebar afinidades e axitar bandeiras. Os populares tomaron como argumento arreboladizo a Venezuela bolivariana. Ante a proximidade das xerais, Feijóo, con traxe de faena augura un “cataclismo económico e social” se o PP perde as eleccións. Sen inmutarse, sen pestanexar, sen recoñecer que é corresponsable do maior retroceso económico e social que viviu Galicia na súa historia democrática. A sanidade en dramática corentena, a educación sometida a un trato aldraxante e o galego reducido á anécdota. Os gandeiros abandoados á súa sorte con ríos de leite derramado e os montes en lume ante o recorte indigno de medios… A Xunta de Galicia ten agora once consellerías, tres máis das que había cando comezou esta lexislatura. Mentres o seu goberno navega sen rumbo as cloacas da Xunta rebordan.
Algúns cren que poda ser o recambio dun Mariano Rajoy queimado na fogueira dos perdedores. Aquelas fotos navegando co narcotraficante Marcial Dourado en 1995 xa están amortizadas e asiste a foros de cavernas que satisfán a o máis conservador do seu partido.
Esta técnica ten en Galicia longa tradición, Feijóo só é un alumno avantaxado doutros Nostradamus que lle precederon. Na campaña de 2005 Don Manuel Fraga lanzaba unha ameaza: “Unha coalición PSdeG-BNG podería facilitar a chegada do terrorismo a Galicia”. Utilizar o terrorismo é unha vella baza da dereita, aínda resoan unhas frases en sé parlamentaria de Mariano Rajoy realizando gravísimas acusacións ao Presidente Zapatero. Todo un acto de indignidade e deslealdade que volverían repetir, se non fose que Euskadi se liberou do terror. Na campaña de 2012 Feijóo axitaba sen excesiva paixón á pantasma da presunta “imposición” da lingua galega. O ton relaxouse e semellaba que o resultado estaba asegurado, como así foi.
As Mareas alagaron os xardíns do Pazo de Raxoi e ameazan con alagar despachos, sas de xuntas e sotos con caixas fortes pechadas con cen chaves. As eleccións europeas deron o primeiro aviso, o mapa político comezaba a desprazarse á vontade dos frustrados e indignados, xurdidos das brasas lonxanas do 15 M, que dixeron NUNCA MÁIS a tanta corrupción. O bipartidismo cambaléase de costa a costa, de Norte a Sur. A colleita de votos populares en Galicia retrocedeu a límites alarmantes; non se lembraba tal caída nos últimos 30 anos. Coas mareas ocupando os concellos -outrora impensables- e a formación de gobernos de esquerda tras o 24-M a dereita tocou a rebato, parapetouse nos seus fortíns e o son de tambores afastados de guerra instálase de novo co discurso do medo. Queren defender, como sexa, o seu castelo: o do Reino de España en decembro e o usurpado a Breogán o próximo ano. A calma, como a sabedoría, vístense pola cabeza, os pés só as pisan, ámbalas dúas serán necesarias diante do escenario abrupto que está por chegar. 

Última estación: o voto do medo