De xeito silandeiro, estase encetando unha profunda modificación da xestión sanitaria que terá consecuencias gravísimas sobre a calidade da atención aos usuarios. A reforma vai na liña das que xa se fixeron en Valencia, Cataluña e Madrid.
As ferramentas para esta modificación son as chamadas Unidades de Xestión Clínica (UXC) que terán sustento nun decreto que está a preparar o Sergas e que todo indica será aprobado polo Executivo de Núñez Feijóo. Serve de base para esta regresión a modificación da lei que rexe o uso dos medicamentos, xa que sen ter ningunha ligazón co tema, na disposición adicional quinta o PP inseriu reformas do Estatuto Marco do persoal estatutario, de xeito que se abre a porta á laboralización do persoal sanitario.
Todo fai pensar que estas reformas están en liña coa pretensión de converter a saúde nunha actividade máis do ámbito empresarial, ou sexa da obtención de lucro, ben sexa a través da xestión privada dalgunhas áreas e centros ou da privatización total do sistema, que semella ser o obxectivo final.
O Ministerio de Sanidade está a preparar un decreto sobre as UXC que se comprometeu a publicar antes de que finalices este ano, que servirá para avanzar nos obxectivos de laboralización do persoal e de privatización sanitaria. O Sergas xa anunciou que cando se publique este decreto estatal, recollerá as modificacións para aplicalas no país.
Na Galiza xa se están a facer propostas de integración sen concretar o modelo de xestión, nin que vai pasar cos profesionais que se neguen a se incorporar, e prometendo incentivos aos que acepten (de ate 12.000 euros) ligados aos resultados da xestión económica de cada unidade.
A esta altura practicamente todos os sindicatos do sector opóñense a esta reforma, aínda que dadas as repercusións laborais e sociais da mesma, coido que deberían ter realizado unha maior campaña pública para que o rexeitamento sexa o máis amplo posíbel. Pode que a Xunta non queira realizar dun xeito tan bruto como Madrid a privatización, mais todo indica que quere dar os primeiros pasos, sabendo que despois todo será cuestión de tempo. Non é unha eiva menor, evitalo é fundamental.