A BRINCADEIRAS COAS CIFRAS DE PARO

OGoberno central salienta a queda do paro durante o ano 2013, segundo a EPA. Seica sería consecuencia da reforma laboral e das moitas axudas aos empresarios. O presidente da Xunta súmase á celebración, malia que para Galiza os datos sexan negativos. Somos así de compracentes, dámonos por satisfeitos coas boas novas dos demais, aínda que na casa, os nosos pasen fame. Seguramente iremos todos ao ceo. Mais, o certo é que os datos sobre o emprego, que é do que se trata, non son tan positivos como Rajoy pretende. A poboación ocupada recuou durante o ano en 169.900 no Estado español.
No caso concreto do noso país o paro medrou o ano pasado en 400 persoas, o que podería parecer un cambio significativo en relación con anos anteriores, mais, a poboación ocupada recuou neste tempo en 38.700 persoas, ou sexa, que se perdeu na Galiza nada menos que o 22,7% de todo o emprego perdido no Estado español. Unha barbaridade!
A cifra reflicte que, para alén do que diga o presidente da Xunta, a crise mantense coa mesma intensidade que en anos anteriores, xa que no 2012 perdéronse 46.900 empregos, no 2011 foron 20.200, no 2010   atinxiu as 45.800 persoas e no 2009 foron 56.600. Como se pode ver durante a crise non todos os anos foron iguais, produciuse un dente de serra. Entón ¿por que o descenso actual vai ser unha tendencia definitiva?
Por outra banda, resulta evidente que a diverxencia entre as cifras de paro e desemprego son consecuencia de varias razóns, ningunha delas alentadora: emigración da mocidade, retorno dos inmigrantes, persoas que decidiron non procurar traballo por estar afundidas na marxinalidade. Un dato revelador, grave e preocupante, é que segue a medrar o número de familias nas que todo os membros están no paro, nada menos que 92.800, malia que se lle deu folgos á temporalidade para aumentar a rotación (socializando a pobreza).
Estes datos contrastan co aumento da ocupación en Cataluña, en 53.700 persoas, unha autonomía que, segundo Núñez Feijóo, perdeu o rumbo. En fin, viva o inglés, Madrid é unha marabilla, e a emigración o noso destino manifesto! Con estas teorías negadoras da nosa identidade, así nos vai.

A BRINCADEIRAS COAS CIFRAS DE PARO

Te puede interesar