A venda de NGB e unha banca pública

Avenda de NovaGaliciaBanco á entidade venezuelana Banesco, que xa é propietaria no noso país do Banco Etcheverría, deixa en evidencia a dobre vara de medir que se utiliza por parte do Estado español, segundo cal sexa o territorio afectado. Nomeadamente, o tratamento que se lle dá a NGB non é o mesmo que a Bankia, que se mantén polo de agora como entidade de propiedade pública, xa que o Goberno considerouno un banco sistémico, polo que no protocolo de salvataxe ten unha consideración diferente. É unha valoración que pouco ten que ver coa cuestión económica, a non ser que o banco madrileño tivo un maior custe para as arcas públicas.
Hai razóns exclusivamente políticas, as de ter como norma reforzar o centralismo en todos os aspectos, cando se ofrece unha oportunidade e unha correlación de forzas favorábel.
O que aconteza no futuro con NGB non é unha cuestión menor para Galiza, xa que representa un 40% dos depósitos, a metade das hipotecas e dous de cada tres préstamos. Que teña un papel tan sobranceiro no crédito, superior ao seu peso nos depósitos, non é casual, débese a ser unha entidade ligada ao país e coa dirección dentro do territorio. Asemade, non se pode esquecer, que NGB, máis concretamente as caixas de aforro, foi fundamental para o proceso de industrialización e o desenvolvemento da pequena e mediana empresa, e tamén deu pulo ao deporte e á cultura.
O que amosa a importancia da banca pública, que agora se liquida, aproveitando que as direccións destas entidades abandonaron a súa ligazón a Galiza, e apostaron pola especulación e a burbulla inmobiliaria.
NGB pasa a ser un banco privado que, mesmo tendo a súa dirección na Galiza, dependerá de estratexias alleas. Agora ben, outro tanto tería sucedido de pasar a mans da gran banca española ou dos fondos de investimento, co agravante da perda de moito emprego nuns casos e de tratarse de investimentos especulativos noutras das opcións. Aínda sendo esta a menos mala das saídas que permitiu o Goberno español, é un paso atrás, polo que reforza a necesidade dunha banca pública galega, xa que é esencial para solucionar os problemas da nosa nación.

A venda de NGB e unha banca pública

Te puede interesar