Opsiquiatra don Fernando Cabaleiro aconsellaba aos seus colegas do manicomio de Toén non discutir nunca as teimas e as crenzas dos enfermos. Si escoitalas atentamente e consideralas síntomas de algo máis fondo. Xa teño contado que no manicomio daquela había dous Francos. Non pasaba nada cando se cruzaban no camiño. Cada un deles vivía a súa crenza dun xeito firme.
O doutor Cabaleiro explicaba un caso quitado dun manual de psiquiatría: Un enfermo cría que era un cadáver e o psiquiatra tentaba con asisados argumentos convencelo de que non estaba morto senón vivo. E que de cadáver nada. Ata que un día preguntoulle se os cadáveres sangaban. Por suposto que nón –dixo o enfermo–. Daquela o médico colleu unha agulla e pinchoulle un dedo. Cando o enfermo veu o sangue dixo: “Caramba non sabía eu que os cadáveres tamén sangaban”.
Un amigo meu de Cacabelos, moi crente da Virxe, quedou confundido cando veu que en Fátima había unha chea de farmacias. A súa fe campaneou e desacougado foi confesar. O confesor, grande filólogo amante dos versos de Horacio, quitoulle o sen vivir no que andaba dicíndolle: “Pero ti, que pensas? Acaso es pastorciño? Tes ovellas coma os rapaces da Cova de Iría?”. O meu amigo estívoo pensando, se dedicarse ás ovellas ou facer unha carreira. Fixo unha carreira. Agora é un dirixente do PSOE de Extremadura e de cando en vez leo del algo nos xornais. Pero por que foi vivir a Extremadura? Considerando as cousas, Extremadura non acae lonxe de Fátima.