EMIGRANTES, DATOS E REALIDADE

Estes días, algúns medios analizaron o fluxo emigratorio, xa que o INE deu a coñecer os datos do PERE, ou sexa daqueles anotados como residentes ausentes. Confundindo ambos conceitos, moitos deron a cifra de 16.000 novos emigrantes rexistrados no PERE no ano 2013, como se ese fose o número de galegos e galegas que marcharon fóra do Estado español este ano. Esquecen que no PERE están censados tanto os nacidos na Galiza como aqueles que, sendo fillos e netos que naceron e viven fóra, nacionalizáronse “españois”. Dos 2.058.048 residentes no exterior, só 702.734 naceron no Estado español, ou sexa un de cada tres. Por esta mesma razón, das 420.000 persoas que están censadas no exterior, e con dereito a voto na Galiza, só unha minoría naceu no país (menos de 100.000?), xa que emigración masiva foi a América e hai décadas.  
A emigración galega do ano 2008 a 2012 dirixiuse a outras nacionalidades ou comunidades do Estado nunha cifra aproximada a 14.000 por ano, e outros 3.000 dirixíronse fóra do Estado español. Ou sexa que neste período de cinco anos, emigraron unhas 85.000 persoas. Esta é unha cifra moi significativa, se temos en consideración que no noso país a natalidade é menor que a mortalidade, e que a xente que emigra é fundamentalmente moza, no mellor da súa vida para procrear e desenvolver calquera actividade produtiva e creativa.
A cuestión do número temos que contextualizala na realidade demográfica actual. Non valen as comparacións coa Galiza de hai medio século, que tiña unha potencialidade reprodutiva da que hoxe carece. Teñamos en consideración que as condicións materiais internas son un atranco, por mor dos baixos salarios, a precariedade laboral, e as altas taxas de desemprego. Neste contexto que cada ano marchen 18.000 mozos e mozas é moi grave (cando nacen 20.000). Tampouco é certo que se deba a que lles falta cualificación para atopar emprego. Nunca tivemos unha mocidade máis formada, e non se pode ignorar que despois, o 85% dos contratos son de peóns ou equivalentes. Analicemos correctamente as cifras, mais sobre todo, comprendamos que o capitalismo xa non aporta solucións.

EMIGRANTES, DATOS E REALIDADE

Te puede interesar