A CORRUPCIÓN

Acorrupción reflíctese como unha das maiores preocupacións sociais. Contribúen a esta percepción, tanto a falta de expectativas para as clases populares, como a evidente complicidade do poder político e xudicial cos grandes grupos económicos e fortunas. Mesmo nos países cun alto crecemento, o reparto desigual da riqueza xerada é moi grande, polo que alenta unha actitude crítica máis acusada que noutros intres. Aínda que non todos os países son atinxidos en igual grao pola corrupción, todo indica que a tendencia dominante é  que este cancro se estenda dun xeito máis homoxéneo. Isto débese a que o sistema capitalista alenta no imaxinario colectivo, cada vez con maior forza, a acumulación de riqueza, o individualismo, a forza, como méritos destacados dunha sociedade; o que se resume acotío na frase: sermos competitivos.
Porén, a denuncia de casos concretos é unha pinga fronte ao que se predica e destaca na práctica como algo normal, tanto nos medios de comunicación (especialmente nas series e películas) e, fundamentalmente, nas regras de xogo de obtención de lucro dominantes. Hoxe a especulación financeira, os mercenarios, a droga e prostitución, o tráfico de inmigrantes, forman parte do negocio, da acumulación da riqueza e poder, sen que exista unha fronteira clara da súa ilegalidade, aínda que sexan actividades que teñen un inmenso rexeitamento social. Por se non abondase, moitas veces a xustiza prégase a outros poderes sistémicos, deixando podrecer os casos, ou con sentencias ridículas. Mentres que o roubo ou a arbitrariedade se legaliza, afectando a ducias de milleiros de persoas das clases populares, como por exemplo nas preferentes ou nas sancións económicas aos emigrantes retornados. A corrupción forma parte da normalidade coa que se práctica a desfeita da natureza, a explotación laboral, a desigualdade e a represión social, as guerras de depredación, a destrución de linguas e culturas, porque é consubstancial cun modelo de sociedade funcional ás clases dominantes. Para rematar con ela, cómpre moito máis que denuncias puntuais.

A CORRUPCIÓN

Te puede interesar