A Cidade das TIC en marcha

|

A semana que mañá comeza deparará unha das mellores noticias posibles para a cidade. Segundo anunciou Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña (UDC) en comisión municipal, este mércores se asinará o convenio de entre a UDC e o Ministerio de Defensa que permitirá poñer en marcha nos terreos da Fábrica de Armas a tan desexada Cidade das TIC.

Polo tanto, o proxecto faise realidade. Xa non estamos no terreo dos desexos senón dos feitos. Aquela iniciativa universitaria que os e as socialistas defendimos desde o primeiro momento (outros tiveron más dúbidas) bota a camiñar coa decidida colaboración do Goberno central, do que esperamos máis boas novas nun futuro inmediato. Por suposto, desde o Concello e agardo que tamén por parte doutras administracións, o apoio ao desenvolvemento desta importante iniciativa está garantido. Non pode ser menos.

Coñecida é a potencialidade da UDC no campo tecnolóxico. A Cidade das TIC servirá para poñer todo ese talento ao servizo do emprego e a prosperidade. Estamos a falar dun proxecto moi ambicioso, no que, como xa dixen nestas mesmas páxinas, os grupos de investigación da Universidade transferiranlles as súas investigacións a empresas que tirarán de profesionais e colaboradores máis próximos, con ideas concretas e provocando á vez o regreso do talento emigrado, así como evitando que outro moito teña que marchar. 

O obxectivo merece todos os nosos esforzos, que irán tamén destinados a crear unha seguridade xurídica en clave de suma, na que vaiamos da man os poderes públicos e as iniciativas privadas. O pasado mes de novembro, lancei no meu discurso de Nadal no salón de plenos un chamado para que A Coruña recuperase a ambición que fixo dela, no seu día, a cidade líder de Galicia. 

Tras uns anos de escaso investimento, o goberno que teño o orgullo de encabezar propuxo unha folla de ruta claramente social e dialogante co fin de que A Coruña recupere ese brillo perdido mediante accións de todo tipo, das máis pequenas ás máis grandes, e na que marcaba como especialmente relevantes cinco Proxectos de Cidade. Refírome á nova fachada marítima, a cuarta ronda, a intermodal, o novo Chuac e a Cidade das TIC. Moitos parecen xa encarrilados cando apenas levamos mes e medio de 2020. A cidade avanza. Ao compás dos tempos. A semana que mañá comeza volverá demostralo.

A Cidade das TIC en marcha