O caso Assange como síntoma

Oconflito que está a orixinar o caso Assange entre Ecuador e os Estados Unidos e o Reino Unido, por mor da concesión de asilo, é fondamente revelador de como estas potencias entenden a democracia e o dereito internacional. Cos datos que coñecemos todo induce a pensar que a persecución contra o fundador de Wikileaks ten razóns políticas, xa que a publicación de milleiros de documentos segredos deixaron en evidencia a inxerencia e o cinismo de Washington e moitos dos seus aliados. Os delitos que se lle imputan en Suecia semellan unha escusa para garantir a súa extradición aos Estados Unidos a fin de dar unha lección, a el e a todos aqueles que se enfronten aos que se consideran donos do mundo.

Nestes documentos tamén aparecían gobernantes e diplomáticos doutros países, que aceptaron que os colleron “nas patacas” ou optaron por canear a situación con declaracións ambiguas. Os Estados Unidos adoptou o camiño da belixerancia e da persecución do mensaxeiro, e só pode ser así, porque: o xeito de actuar que se reflicte nos documentos de Wikileaks non é conxuntural, senón parte esencial da súa política exterior.

Por este motivo se lle dá un trato tan duro ao soldado Bradley Manning, por filtrar documentos a Wikileaks, acusándoo nada menos que de colaborar con Al Qaeda, cando o problema de fondo é que deixou ao descuberto o dobre moral da política norteamericana, que mentres predica a democracia, detén persoas sen ningún tipo de acusación durante anos e mantén cárceres segredas.

A actitude tomada polo Reino Unido, Estados Unidos e outros países europeos, pola concesión de asilo a Asange para garantir un xuízo xusto, choca frontalmente coa opinión dunha enorme maioría da poboación mundial.

Ademais, todo indica que Ecuador será apoiado pola ALBA, Unasur e mesmo a OEA, reflectindo o illamento das potencias occidentais neste tema. É un rexeitamento das nacións e dos pobos a dobre vara de medir, á prepotencia, á falta de respecto ao dereito e regras de xogo internacionais cando non lle son funcionais. Sen dúbida o caso Asange aínda dará algunhas voltas máis.

 

O caso Assange como síntoma

Te puede interesar