Lin hai uns días unha valoración negativa encol do recuar demográfico de Galiza nas últimas décadas. Non podía ser doutro xeito. Os datos utilizados eran os da poboación que residía no noso país en comparación coa existente no Estado español. Aínda sendo cifras arrepiantes e que indican con toda claridade a tendencia regresiva, debo dicir que non se axustan á realidade; ante todo, porque non teñen en consideración os procesos migratorios. Hai tres décadas, na Galiza, practicamente non había inmigrantes, hoxe son unha porcentaxe a termos en consideración, e a emigración mantívose moi alta, malia que a natalidade é moitísimo máis baixa.
Mesmo excluíndo os emigrantes que vivían fóra do Estado español, se collemos o censo do ano 1981 temos que daquela os nacidos/as na Galiza representaban o 7,98% do total dos habitantes, mentres que no ano 2012 a porcentaxe deveceu ate o 5,86%. Ou sexa, en trinta anos perdeuse un terzo do peso demográfico no Estado español. Unha redución de galegos/as nativos tan grande só se pode deber a un crecemento económico moi débil, e a un empobrecemento da poboación. Motivo polo que se mantivo moi alta a emigración da mocidade. A inmigración que chegou na última década viña fuxindo de situacións de estrema precariedade e inseguridade, e alentou unha falsa idea de avance social, que durou o tempo da burbulla inmobiliaria.
Agora, máis unha vez, a Xunta pretende que medre a natalidade facendo chamamentos a manter o equilibrio xeracional, como se o problema se solucionase con palabras e algunhas achegas ás familias. Semella unha actitude cínica, porque a esta altura ninguén pode ignorar cales son as verdadeiras razóns deste recuar da poboación. Con taxas de desemprego arrepiantes, unha temporalidade tan elevada nos contratos, xornadas moi extensas e intensas, salarios tan baixos, e retrocesos nos servizos sociais, quen vai ter fillos e fillas! A cobiza dunha parte pequena e poderosa da sociedade, a dependencia exterior, a destrución da identidade colectiva, son as eivas e os atrancos que cómpre eliminar para recuperar o crecemento da natalidade e garantir o equilibrio demográfico. O demais son lerias.