De xarróns chineses

|

Dixera Felipe González que os expresidentes eran como xarróns chineses, todo o mundo dicía que valían moitísimo, pero ninguén sabía onde poñelos. Nestes días, quedou claro que Aznar ten un problema: non sabe irse. Estorba. Felipe, na época de Zapatero, tamén causou algún estropicio, pero non comparable coas cargas de profundidade que Aznar lle manda a Rajoy cada dous por tres. Quizáis o problema veña de ter tantos partidos no mesmo partido. No PP conviven tódalas dereitas, sexan extremas ou moderadas. E contentar a todos é unha tarefa complexa, aínda gobernando. Deixarse tentar por algúns ao modo de “nena, ti vales moito”, é unha doce trampa que acabará sendo amarga.
Poñer en valor o traballo dun mandato ou dunha xeración, é un esforzo inxente que esixe xenerosidade. E moitas veces, nin os que están nin os que chegan, están polo labor de sintonizar nas mesmas frecuencias. Outras, o ruído mediático, as vivencias das propias batallas e das propias derrotas, levan a aplicar receitas automáticas que os novos actores do Goberno nin comparten nin aplican do mesmo xeito.
Dicimos que todo ten o seu tempo. Nada é inmutable. Ou sabemos que todo ten data de caducidade (coa discrepancia do ínclito Cañete), ou as circunstancias acabarán por colocarnos traumaticamente fóra. Aznar tivo poder. Moito poder. E exerceuno con man de ferro. Fixo oídos xordos ante clamores unánimes como o non á guerra. E perdeu. Rajoy ten agora o poder. É o seu tempo. Terá que acertar ou equivocarse só. Abofé que erra e moito; non precisa axuda. É a súa responsabilidade e dará conta dela. Flaco favor faríamos os que, presumindo de experiencia, impuxéramos o pasado no presente.

De xarróns chineses