A versión conservadora da crise

OGoberno quere converter calquera melloría dos datos macroeconómicos nun síntoma dunha rápida recuperación da economía e do emprego. Esquecen que cunha caída tan forte nos últimos anos un dato positivo non é abondo para garantir a creación de emprego, e moito menos para volver ao punto de partida da crise, no ano 2007.
Esta actitude aseméllase como dúas pingas de auga á que mantiña o PSOE cando se negaba a recoñecer a crise, e que tan fortemente foi criticada polo PP.  Daquela os socialdemócratas necesitaban como fose reflectir eficacia diante do duro axuste social e territorial, e agora os conservadores fan o propio convertendo síntomas en tendencias, malia que os males estruturais e as loitas de poder no mundo que levaron á crise non se resolveron, senón que se agudizaron.
O único real é que o retroceso económico e a perda de emprego estase desacelerando. Mais iso non significa que chegáramos ao chan e, o máis importante para as clases populares, que os efectos dunha mellora cheguen á maioría social a corto ou medio prazo. Non abonda con crear emprego aritmético, máxime cando o que se fai, é precarizar e aumentar a temporalidade, ou sexa: socializar a pobreza, repartindo o traballo e os ingresos da clase traballadora; coa única finalidade de aumentar os lucros dos sectores máis poderosos da sociedade.
Cal é o obxectivo que se fixan o Goberno e a Xunta na creación de riqueza e traballo e o seu reparto social? Non é unha pregunta secundaria, porque todos e cada un dos pasos dados nos últimos anos deseñan un tipo de sociedade máis desigual e fracturada, con amplos sectores ficando na exclusión.
A queda do desemprego neste caso, malia a euforia dos “populares”, non é indicativa da xeración de emprego, xa que a ocupación baixou en cen mil persoas, o que amosaría que se debeu a que hai moitas persoas que se deron de baixa das listas do desemprego e aumentou a emigración.  É verdade que mellorou o comercio exterior e se recuperaron os índices de produción industrial, mais caeu en picado o consumo interno e a débeda pública está en máximos. Unha de cal e outra de area. Non é para estar tan satisfeitos.

A versión conservadora da crise

Te puede interesar