Aprendiz, antes que mestre

|

Nun libro con tapas vermellas e letras negras e brancas, vinte escritores -un prólogo,  quince relatos e un epílogo- cóntannos cousas de “todos ou ninguén”. Un libro, “Conciencia de Clase”, no que se narran contos, vivencias, historias, riquezas e miserias das Comisións Obreiras. Historias que abarcan a infancia, a formación e o traballo dalgúns dos protagonistas da loita obreira, cando había obreiros e cando era necesario levantar a cabeza e mirar para adiante, sen deixar de ver o de atrás. Cando era necesario  -máis ou menos, como hoxe- a defensa de valores e principios, como os da solidariedade e  da igualdade, cando menos.

Despois do prólogo, unha verdadeira peza literaria do xornalista Joaquín Estefanía, vén “Petra”, no que Elvira Lindo deixa testemuño da grandeza daquela sindicalista, Petra Cuevas, sabedora de que “os que loitan poden perder, pero os que non loitan están perdidos”. E xa, en terceiro lugar, aparecen os nosos amigos: Manuel Rivas fala do “Aprendiz”, faino nun relato verdadeiramente entrañable e, polo tanto, recomendable. Séguenlle outros textos e, na páxina 240, comeza o epílogo, “en cinco entremeses”, da autoría de Unai Sordo e Bruno Estrada.

Era un neno aprendiz de canteiro, un neno que andou polo mundo de obreiro.

Durmía onde podía, poucas veces en cama feita, nas palleiras, nas barreiras, nos currais e á sombra da lúa. Onde podía, abrazado á paleta que colgaba do cinto apertado e aquel pico pequeno que se cravaba nas súas costelas, igual que ao zapateiro se lle cravaba a subela e os arames ao cerralleiro.

Aquel pico de apicoar á pedra, ferramenta para facer oficio, arte, música e paredes de unión e de separación, ao mesmo tempo.

Tempos aqueles, amigo Ferreiro, prezado Luís González López, amigo de tantos amigos grandes. A túa honestidade e a túa bonhomía enaltecen a mestría dos mestres e honran aos colegas. Don Xesús (Alonso Montero), Abades, Ana Acuña, Roi Cagiao, Fernando Llor, Carmen García-Rodeja, Avelino Muleiro, Senén Vaamonde, Antón Pulido, Juan Fonseca Moretón, Mero Iglesias, María Guerrero e moitos, moitos máis, de Mondoñedo, da Chaira, de Ferrol,  da Estrada, de Vigo, de Sandiás ou da túa  Vila de Cruces, e todos os do mundo mundial, que eran e son boa xente, saben que o Aprendiz eras ti, Ferreiro, antes que mestre e que guerrilleiro.

Aprendiz, antes que mestre