Dende hai máis de dúas semanas o agro colombiano está en pe de guerra. Unhas mobilizacións ás que se sumaron outros sectores populares, como o transportista e mineiro, os estudantes, etc. A protesta do sector agrario, especialmente do lácteo, dos produtores de pataca e cebola, está centrada na oposición ao Tratado de Libre Comercio (TLC) asinado entre ese país e Estados Unidos (USA), que foi aprobado por Washington o 15 de maio de 2012. Malia o pouco tempo transcorrido os seus efectos negativos xa se fixeron sentir, dando lugar a esta revolta social. Non é unha novidade, lembremos que un tratado semellante de México cos USA e Canadá acelerou hai unha década a rebelión zapatista; e hoxe México é un importador neto de produtos como o millo, do que antes se autoabastecía.
Estas experiencias en relación cos TLC son moi importantes para o noso país, tendo en consideración que se iniciaron as negociacións previas entre a Unión Europea (UE) e os USA para asinar un acordo que abranguería o comercio de bens, investimentos e outros aspectos. O segredo co que se está a negociar este TLC transatlántico, amosa que se queren manter sen voz nas negociacións as clases populares e as nacións máis débiles (como Galiza), e impedir así os actos de protesta, xa que serán as máis prexudicadas.
Polo que se sabe o TLC transatlántico non é precisamente un acordo comercial máis, xa que condicionará a economía, a cultura e a sociedade de todos os Estados da UE. Algunhas valoracións previas, feita polos que tiveron aceso ao memorandum, consideran este TLC como unha refundación da Unión Europea, polas súas consecuencias en todos os ámbitos. Nomeadamente, Raoul Marc Jennar nunha análise sobre o documento base da negociación fai a seguinte reflexión: “Contrariamente ao que contan os vendedores de fume de todas partes, no TLC trátase moi pouco de comercio. Hai moito de elección de sociedade, de estilos de vida, de preferencias colectivas que son produto do combate que houbo nos nosos países, ao longo dos dous últimos séculos, nos ámbitos políticos, sociais, sanitarios e ecolóxicos”. Tremamos ante este novo apertón neoliberal.