Competir á baixa

OGoberno español e a Xunta dan por superada a crise, entendendo que a previsión do medre do PIB, o menor custe da débeda pública e o aumento das cotizacións do Ibex 35, son a solución de todos os males. Mais, ao mesmo tempo, os recortes nas prestacións sociais estanse a acentuar (pensións, copago sanitario, etc.), os salarios manteñen a tendencia descendente, medra a xornada laboral real, e o emprego non deixa de diminuír. En poucas palabras, que a crise pode rematar para as grandes empresas e fortunas (que creceron no último ano un 13%), mais o axuste segue abafando cos mesmos folgos as clases populares e os territorios periféricos, faltos de poder e soberanía, como é o caso de Galiza.
Alguén podería pensar, inocentemente, que só se trata dunha demora e que en poucos anos volverá o emprego, recuperaranse os salarios e as prestacións sociais perdidas. Porén, nada indica que vaia ser deste xeito, porque este recuar nas condicións laborais e sociais é considerado como algo básico polo sector empresarial para ser competitivos no marco da globalización neoliberal. En ningún caso, en ningún, se procura un pacto entre o capital e o traballo, no que se limiten os beneficios empresariais, se reinvistan fundamentalmente en tecnoloxía e investigación, e se modere o proceso de abertura de mercados para evitar o dumping social. Mesmo a postura dos gobernos, claramente favorábel ao capital, foi a de aumentar a man de obra de reserva e axudar ao proceso de deslocalización, alentando a destrución de emprego e a queda dos salarios. Quérese competir á baixa; ese é o modelo!
Hoxe non existe un contexto propicio na Unión Europea para un pacto entre a burguesía e a clase obreira, semellante ao que se deu despois da Segunda Guerra Mundial, xa que a correlación de forzas é totalmente distinta. Daquela, calquera mellora nas condicións laborais e de vida só será posíbel por medio de grandes loitas, de cambios sistémicos, e partidos de clase moi fortes (que asuman a importancia do nacional fronte a globalización). Todo amosa que saír da crise, para o neoliberalismo significa que se ampliarán os axustes sociais e medrará o lucro... só iso.

Competir á baixa

Te puede interesar